Cultura de Entrimo

"Temos o 'Madamito' exposto no Museo do Traxe de Xinzo de Limia, que para nós é moi importante, e téñennos invitado a desfiles en Viana do Castelo, Vilariño de Conso, Viana do Bolo e Santiago"

COMPARTE:
No ano 1962, o escritor ourensán Ramón Otero Pedrayo dirixiu o libro Historia de Galicia. Entre as súas páxinas recollía un traxe do Entroido chamado “Madamito” ou “Madamita”, un disfrace recuperado por veciños entrimeños hai máis dunha década e que, na actualidade, a Asociación de Mulleres do Rural de Entrimo fomenta e promove para que sexa recordado e empregado pola xente do concello.

A través de desfiles locais e a participación doutros por terras galegas, así como o impulso desde a escola do concello e nalgunhas festividades organizadas pola asociación, os Madamitos volven a ter unha presenza importante na vila da Baixa Limia. Ademais, os traxes naceron como unha forma de satirizar ou ridiculizar ao señor, en referencia a unha persoa que ostentase certo poder. Xa que logo, coincidía con ese carácter un tanto insubmiso e irreverente que os entrimeños foron conformando ao longo da súa traxectoria histórica.



A concertina, o instrumento musical entrimeño

No ano 2019, o acordeonista e escritor Xurxo Souto dedicoulle o libro Sindo de Olelas a Gumersindo Álvarez Domínguez, un tocador de concertina famoso en todo o concello. En declaracións a un xornal ourensán local, Souto mostraba a súa fascinación pola aldea de Olelas, chegando a afirmar que alí “tocan todos os veciños”.

Así e todo, os habitantes do lugar como Rosa Barroso lamentan, nun ton e nunha ollada que reflicten unha sentida melancolía, que “xa non queda ninguén que toque no propio Olelas desde que Sindo faleceu”. A concertina é unha paixón, unha arte e un coñecemento que, frecuentemente, descende a través das liñaxes familiares, onde tíos, pais ou avós transmítenlle o amor por este instrumento e a súa música aos seus descendentes.



No eido da gastronomía, existen dous pratos típicos da zona. Un deles, de sobremesa: arroz do forno, cuxos ingredientes son leite, arroz, ovos, sal, azucre e manteiga. O primeiro paso sería ferver o leite e engadirlle o arroz cun pouco de sal. A continuación e despois de 10 minutos, déixase arrefriar e mestúrase todo cos ovos e métese ao forno. O outro prato sería a empanada de forquellas.



Un ano de vida do xornal cultural

No ano 1909 o entrimeño Vicente González Rodríguez (1855-1928) fundou o Picaraño, unha publicación local co fin de loitar contra as prácticas caciquiis da súa zona e dun marcado carácter anticlerical. O seu nome provén do feminino da palabra, “picaraña”, que era unha ferramenta cuxa utilidade e finalidade era rozar. Unha perfecta metáfora do que Vicente ansiaba acadar: limpar a “mala herba” caciquil que ostentaba o poder na súa terra natal.

En decembro de 2018, dous veciños de Entrimo, Reyes Rodríguez e Cristian Oliveira, resucitaron, co apoio do Concello, o vello Picaraño en forma de revista cultural, con contidos locais que tratan a historia, a poesía, a etnografía ou a filoloxía, entre moitos outros. Agora, no ano en que o antigo Picaraño cumpriría o seu 110 aniversario, o novo xornal celebra os seus 12 primeiros meses de vida coa expectativa de seguir enriquecendo ao concello a nivel cultural.