Fala de Entrimo

"O noso trazo lingüístico estrela son as sibilantes"

COMPARTE:


A área dialectal da Baixa Limia pertence ao chamado Bloque Occidental. Dita área abarca, fundamentalmente, o extremo suroccidental da provincia de Ourense abranguendo os concellos de Entrimo, Lobios e Lobeira. Se ben é certo, o concello de Pradenda, situado no noroeste da provincia de Ourense na comarca Terra de Celanova, tamén presenta os trazos característicos desta área. Xa que logo, o concello de Entrimo é un dos lugares que, en termos lingüísticos, mellor recolle a fala propia da área dialectal da Baixa Limia, nome que tamén recibe a comarca á que pertence.

No tocante ás características propias da zona, é importante resaltar a súa situación de ser un concello de transición entre o bloque occidental e central, polo que reúne trazos de ámbolos dous. Por outra parte, Entrimo enmárcase na fronteira entre Galicia e Portugal, polo que o seu contacto histórico, actual e diario provoca unha forte relación que radica en influencias sociais ou laborais, entre moitas outras. E, como é lóxico, lingüísticas. Así o reflicte esta frase do escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín, recordada polo historiador entrimeño Cristian Oliveira: “Os de Castro falan portugués con acento galego e os de Entrimo falan galego con acento portugués”.



A presenza, a introdución e a asimilación do castelán nunha zona galegofalante poden ser factores importantes e decisivos para que os trazos lingüísticos propios se dilúan. Así e todo, existen outras realidades que poden ser cruciais como, por exemplo, a asimilación do galego normativo debido ao estudo do mesmo ou á súa presenza nos medios de comunicación de masas (orais e escritos), así como o desprazamento, por motivos laborais ou académicos, a outra zona de Galicia.

Os datos oficiais máis recentes non achegan unha cifra específica sobre o uso do galego en Entrimo pero, segundo un informe do Instituto Galego de Estatística (IGE) de 2018, o 88% das persoas da área Ourense sur falan “en galego sempre ou máis galego ca castelán”. Se ben é certo, existen cifras do IGE referidas ao ano 2011, as cales amosan que entre o 80% e 100% de habitantes de Entrimo son “falantes de galego como primeira lingua”.

Por outra parte, están os datos non oficiais: a percepción no día a día da veciñanza. En Entrimo, segundo sosteñen gran parte das persoas do concello o uso do galego é maioritario e case que total, como así o asegura o historiador e fundador da revista cultural local O Picaraño Cristian Oliveira: “Poderíase dicir que a presenza do galego aquí é dun 99%, con esa marxe de erro dun 1% que sempre se debe respectar”, afirma nun ton que denota realismo e que se afasta da esaxeración. Neste senso, nas numerosas entrevistas e conversacións coa xente natal e local da zona, todas empregaron o galego e, a aquelas que se lles consultou, aseguraron que dita lingua é a maioritaria entre os veciños.

Non só uso, tamén querenza. Isto reflíctese en historias persoais como a de Rosa Barroso. Nacida na aldea entrimeña de Olelas, Rosa emigrou na procura de traballo. Francia e Italia foron os seus destinos. Encantáballe contactar coa súa familia ou volver nos períodos vacacionais á súa terra porque, como así o asegura cun sorriso na boca: “Devecía por escoitar o meu galeguiño”.

 A “lingua olelá” 

No libro Olelas na lembranza, o seu autor, Alberto Pérez Adán, explica que o lugar de Olelas ao levar “moitísimo tempo a vivir a cabalo entre España e Portugal”, converte a súa fala nunha “filla híbrida natural do galego e do portugués, evolucionada, autotransformada, non sei se dicir dexenerada ou madurada por si mesma ou polos propios oleláns, como se fose un dialecto, unha forma de falar propia e autóctona”, relata.

Esta realidade converxe no que el chama a “lingua olelá” e achega algunhas características para facilitar a lectura do libro, que non son outra cousa que trazos lingüísticos (algúns correspondentes á propia área dialectal da Baixa Limia): “O /s/ intervocálico debe pronunciarse sempre de forma moi suave, con sonoridade moi vibratoria e case sen achega-la lingua ó padal. Deberá resultar un son (un fonema) equidistante entra a /s/ española e a intervocálica portuguesa correspondente”; “cando para representar remos como ‘xente’, ‘axuda’, ‘hoxe’, aparecen jente, ajuda, huje, esta /j/ debe dicirse exactamente como a /j/ do inglés Jhon”; “o son ou fonema /z/ de palabras como fazenda, animalziño ou cozer debe ser idéntico ó correspondente portugués: ápico-alveolar e sonoro”; “a primeira persoa do singular do perfecto de indicativo dos verbos da primeira conxugación termina sempre en –én non en –ei: Eu calén, eu dancén, eu traballén... 
Olelas comparte o seu monte con Portugal, o que influíu na súa fala

Neste senso, a filóloga Patricia Blanco acudiu hai uns anos a Olelas cunha compañeira da Licenciatura chamada Lucía Outeiro para realizar un traballo de dialectoloxía. Blanco explica que aló atopou a unha muller chamada Albertina Adán, que ten familia portuguesa e francesa e a cal lles revelou unha realidade "sorprendente": "Falaba connosco en galego, coa cuñada que estaba alí en portugués e coa nora en francés. Ademais, a súa sogra, que nunca saíra de Olelas, coñecía perfectamente os tres idiomas".

Xa que logo, a filóloga relata que se atopou cunha "realidade tetralingüe na cal a lingua máis afastada é o castelán" e dicidiu investigar na súa tese de doutoramento esta circunstancia, estudo que polo momento se acha en fase inicial. "A idea xeral é facer unha aproximación tanto dialectal, sobre o galego de alí, como sociolingüística nese contexto tetralingüe", describe. Isto é, Blanco quere dar conta desta peculiaridade e explicar por que acontece e como actúan as linguas e a sociedade conxuntamente, é dicir os factores polos que falan unha lingua: "O francés fálano polos retornados da emigración en Francia, por exemplo", asegura.

No transcurso da tese, Blanco contará cun corpus de informantes que se eleva a 53 veciños oleláns en 2019, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística. No tocante á recolleita de información, a filolóloga empregará un método mixto: "Por un lado vou facer unhas gravacións espontáneas, coa menor interferencia posible pola miña parte, e logo unha enquisa sobre uso da lingua, actitudes cara á lingua e contexto lingüístico, sobre todo", afirma.