Historia de Entrimo

"Esa xente que emigra a América, volve a Entrimo e trae as súas ideas que, pouco a pouco, irán empapando a cultura e a vida local"

COMPARTE:
O escritor austríaco Stefan Zweig introduce no seu libro Momentos estelares da humanidade. Catorce miniaturas históricas a seguinte reflexión: “Quen fai unha concesión, xa non pode evitar a seguinte. Os compromisos conducen inevitablemente a novos compromisos”. Dita frase pode resultar de utilidade para sintetizar a historia de Entrimo e o seu influxo na poboación local. A finais da Idade Media, rememora o historiador local Cristian Oliveira, Entrimo demanda ante o Tribunal da Real Audiencia de Galicia ao Conde de Ribadavia por uns impostos que este impuña inxustamente ás xentes do lugar.

O preito, finalmente, resulta favorable aos veciños: ao Conde negóuselle calquera potestade sobre Entrimo. Isto é, non cederon. En verbas de Zweig, non concederon: os compromisos non xermolaron. Desde aquel intre, Entrimo convértese nun ente independente que non depende dun poder alleo, só se debe ao propio Rei; realidade que continuará ata o século XIX e que conformará, co paso do tempo, o carácter dos entrimeños.

O concello de Entrimo enmárcase na comarca da Baixa Limia, ao carón de Portugal

Deste xeito, os sucesos históricos e a súa extensión temporal fixeron xermolar nos habitantes da zona unha forma de ser contestataria e independente. Recorrendo a estes argumentos, pódese explicar a importante asimilación posterior de movementos como o asociacionismo agrario ou o republicanismo. Por outra parte, o decorrer da historia permitiu que en Entrimo “se formase unha elite política e económica local moi forte”, explica Oliveira, xa que “a Igrexa e a nobreza non rexentaban un poder sobre os veciños coma no resto de Galicia”.

Xa que logo, formáronse na zona casas familiares que gozaron de reputación e poder ata mediados do século XX e imbuíron a Entrimo de modas burguesas como o café ou a literatura. En definitiva, o seu “gran poder adquisitivo” propiciou unha “gran vida social e económica” no concello que incluso “chegou a contar cun casino a finais do século XIX, en 1870”, narra o historiador entrimeño.


Portugal, un veciño de por vida

Entrimo non se pode entender histórica, social e culturalmente sen analizar o seu carácter fronteirizo. Portugal, ese morador das terras inmediatamente contiguas ao concello ourensán, foi para os entrimeños case todo o que se pode ser: refuxio (durante a Guerra Civil), fogar e prosperidade (na emigración) ou fraternidade (nas relacións sociais, como pode ser o matrimonio), entre moitas outras.

A concepción abstracta da fronteira dilúese cando ocorren casos como os anteriormente mencionados. Pola contra, pode converterse nunha distancia infranqueable. Así aconteceu cando Portugal foi inimigo. No século XVIII a Monarquía Hispánica e o reino de Portugal enfrontáronse durante 28 anos (1640-1668) na chamada guerra de Restauración Portuguesa, cuxo “peso vai recaer sobre as aldeas da fronteira e vai provocar un cisma social moi grande”, explica Oliveira. “Unha ruptura de relacións sociais coas demais aldeas portuguesas moi profunda e moi tallante, que vai supoñer un punto e á parte na nosa historia”, conclúe o historiador de Entrimo.




A Guerra Civil, a idiosincrasia entrimeña como causa do sufrimento

Ese carácter contestatario e independente que caracteriza á poboación de Entrimo sofre unha evolución cando unha gran parte da mocidade emigra cara América a principios do século XX. Como narra Oliveira, alí coñecen “ideas políticas como o socialismo, o anarquismo ou o republicanismo laico”. “Esa xente que emigra a América, volve a Entrimo e trae as súas ideas que, pouco a pouco, irán empapando a cultura e a vida local”, afirma. Así se evidencia na presenza de sociedades culturais para a ensinanza e instrución de labregos, sindicatos ou un partido republicano.

En verbas do historiador entrimeño, esta situación provoca a aparición dunha “pátina de anticlericalismo” na zona, “fuxindo dos vieiros sociais marcados polos cregos”. Deste xeito, interésanse en “ideoloxías contestatarias como agrarismo, republicanismo ou asociacionismo agrario na súa vertente máis radical, dominado polos socialistas e comunistas”. Así, os anos 30 comezan cunha “tensión social moi forte que vai estalar durante a Guerra Civil”, asegura Oliveira.

Un enfrontamento que en Entrimo derivou en “escenas moi violentas de represión e de persecución cara familias: houbo unha xeración completa que foi eliminada da face política do concello”, salienta. “Á larga, esta situación provocou que se sedimentase unha ideoloxía moi contestataria e moi radical na xente de Entrimo que permanece hoxe en día”, conclúe o historiador.


Un peche de século infausto na zona

O 8 de xaneiro de 1992 cinco aldeas quedaron somerxidas baixo as augas do encoro de Lindoso: Aceredo, Buscalque, O Bao, Lantemil e a Reloeira. Este último pertencía ao concello de Entrimo ao igual que Lantemil (ao que o asolagamento afectou en pouca medida), aínda que, como indica Oliveira, só contaba con “catro ou cinco casas, non era moi grande”. O resto enmarcábanse dentro do concello de Lobios pero aquel suceso marcou dun xeito crucial á toda a zona lindeira, entre ela Entrimo: “Foi un dos acontecementos máis senlleiros, quizais un pináculo que marque un final tráxico do século XX no concello”, sostén o historiador local.

Arredor de 250 veciños víronse obrigados a deixar atrás a súa casa e, en consecuencia, a súa vida para atopar un lugar no que comezar de novo. Cando se coñeceu a chegada do encoro, algúns veciños negociaron a expropiación das súas propiedades coa hidroeléctrica portuguesa EDP (Electricidade de Portugal), a responsable e propietaria da construción.

Outros, pelexaron. Como amosan as imaxes recollidas polo documental Os días afogados (2015, César Souto Vilanova, Luis Avilés Baquero), unha gran parte dos afectados fixeron presión ás institucións e á propia EDP de forma conxunta para acadar o que eles consideraban un trato xusto. Tal e como suplicaban a berros durante unha manifestación, recollida no documental dirixido por Souto e Avilés: “Queremos o que é noso!”, exclamaba, entre choros, unha muller da veciñanza.

Cando baixa o embalse, pódense ver as casas que quedaron asolagadas

Oliveira explica que o concello de Lobios foi o “máis damnificado” deste acontecemento e que para Entrimo supuxo “un gran impacto” a nivel local. Non só nun grao emocional, xa que, como é lóxico, existían (e existen) “relacións familiares, lazos de amizade, culturais e identitarios” entre ambos concellos, senón que tamén supuxo un “revulsivo” na vida de Entrimo debido a que algunhas familias atoparon acubillo nas terras entrimeñas.

 Dito pulo provén, por unha parte, da chegada deses veciños “expatriados” con “indemnizacións importantes” que lles permitiron construír novas casas e, por outra parte, dun aspecto inmaterial: a xente desas aldeas caracterizábase por “unha tradición máis agraria e rural fronte ao carácter máis urbano e culto de Entrimo, o que supuxo unha rerruralizaicón do concello entrimeño e, en certa maneira, unha revitalización”, afirma o historiador.

Case 40 anos despois, o encoro trae á mente da veciñanza máis recordos que infortunios. Así e todo, algunhas persoas do lugar quéixanse das pestes derivadas da presenza deste. Así o explica Carlos, un veciño de Lantemil: “O encoro afectounos en todo: no viño, na froita, nas hortalizas... Hoxe, cando empezan os tomates a madurar e ábrelo pola metade e está negro, xa está podre. Din que é dunha celulosa que hai aí cara Viana. A froita cae toda ao chán. Hai unha gran humidade. Deberiamos, como concello, ter a luz gratis porque en inverno coa humidade que hai, teño que ter estufas por tódolos lados na casa. Dá igual que chova como que non chova".