O PROXECTO

COMPARTE:

Entrelinguas.gal é unha reportaxe multimedia que pretende achegar ao público unha visión conxunta das diferenzas lingüísticas de Galicia, a través das diversas áreas dialectais que a conforman. Ademais, este proxecto procura reflectir a variedade histórica, cultural, social, natural e etnográfica do territorio galego mediante o labor xornalístico en 13 concellos das catro provincias da comunidade: Entrimo, Riós, A Mezquita, Cervantes, Baleira, As Nogais, Portomarín, Negueira de Muñiz, Oia, Fornelos de Montes, Laxe, Corcubión e Moeche. Todos eles caracterizados por seren municipios afectados, en maior ou menor medida, polo despoboamento e o avellentamento e por encadrarse na chamada “España baleira”.

O corpus informativo axuda a describir as características dialectais do territorio galego e proporciona exemplos actuais e vívidos dos tres grandes bloques (occidental, central e oriental) e das áreas fisterrá, bergantiñá, mindoniense, tudense, pontevedresa, zamorana, asturiana, lucu-auriense, central de transición, central-oriental de transición, oriental-central e da Baixa Limia. Por mor de que o proxecto ten como obxectivo realizar unha reportaxe multimedia de concellos galegos e a área ancaresa só engloba as falas ancaresas do Bierzo, escolleuse, en contraposición, o municipio lucense de Cervantes por proximidade xeográfica e pola semellanza dalgúns trazos lingüísticos.

Por outra parte, o traballo presenta unha radiografía do pasado, do  presente e do posible futuro a curto-medio prazo dos trece municipios a través de material audiovisual, infográfico e textual. A tarefa xornalística pretende crear un bosquexo da intrahistoria do pobo galego, en todo o seu conxunto, a partir do testemuño dalgúns dos seus protagonistas e analizar as problemáticas e as  solucións potenciais do medio rural.

Tarefas realizadas:
  • Alejandro Vázquez Corral:
    Grabación de son e vídeo. Fotografía. Edición do material audiovisual e xestión do apartado web.
  • Sara Barreiro Álvarez:
    Grabación de son e vídeo. Fotografía. Edición do material audiovisual e fotográfico.
  • Antonio Méndez Rodríguez:
    Documentación. Selección e contacto coas fontes. Preparación e elaboración das entrevistas. Elaboración dos textos e do material infográfico. Xerarquización de contidos.

    Agradecementos:

    Concello de Entrimo, Concello de Portomarín, Concello de Corcubión, Concello de Moeche, Concello de A Mezquita, Concello de As Nogais, Concello de Cervantes, Concello de Baleira, Concello de Riós, Concello de Negueira de Muñiz, Concello de Fornelos de Montes, Concello de Laxe e Concello de Oia. A todas aquelas persoas entrevistadas e non entrevistadas que prestaron colaboración directa e indirecta no noso traballo. A Ismael Castiñeira e a Christian Randolfe polo seu traballo no deseño e posta en marcha da páxina web. Entrelinguas.gal non sería o mesmo se faltara só un de todos estes colaboradores.