Actualidade de Corcubión

"En Corcubión estamos 'condenados' a vivir dos servizos e do turismo, nesta orde"

COMPARTE:
Desde principios do século XX, a poboación de Corcubión non variou o seu número dun xeito acentuado. Desde o 1900 os habitantes do concello corcubionés situáronse entorno ós 2.000 veciños ata que a partir do ano 2002 a cifra comezou unha caída lenta pero prolongada, ata instalarse nos 1.589 en 2019 (segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística). Corcubión, polo tanto, é historicamente un municipio pequeno en extensión (arredor duns 7,6 kilómetros cadrados) e en poboación que, actualmente, experimenta como os seus habitantes minguan co paso do tempo.



Nota: prema enriba dun ano en concreto se desexa coñecer a poboación corcubionesa naquel momento.





Nota: pase o punteiro por riba dos círculos para coñecer o número de habitantes.


No tocante á idade da poboación, os datos amosan que os habitantes do concello non se caracterizan por un enraizado avellentamento, realidade común entre os concellos pequenos de Galicia en volume de veciños. Segundo os datos do INE, arredor dun tercio da poboación (536 persoas) ten unha idade igual ou superior a 60 anos e os menores de 20 anos sitúanse en  318.


Un presente e un futuro ligado ao partido xudicial

Corcubión é cabeza do partido xudicial número 7 de A Coruña, que engloba un total de oito concellos: Camariñas, Cee, o propio Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muxía Vimianzo e Zas. Polo tanto, o sector servizos ocupa gran parte da actividade económica e laboral do municipio corcubionés (en torno ao 70%-75% segundo o alcalde de Corcubión, Manuel Ínsua, e o técnico local de emprego, Norberto Pais). Deste xeito, Corcubión alberga na vila notarías, rexistros da propiedade, oficinas de extensión agraria, salas de xulgados, tesourería, oficinas de seguridade social e de extensión agraria, etc. Ademais da Garda Civil, Seprona e Tráfico. Esta situación vertebra a vida do concello e é a unha das claves principais para labrar o seu futuro.





O mar supuxo, historicamente, que Corcubión medrase e acadeae unha etapa de esplendor grazas aos negocios vinculados a el. Se ben é certo e como afirma Ínsua, "a pesca en Corcubión e en toda Galicia atópase en declive". A Confraría de Pescadores Virxen do Carme de Corcubión conta na actualidade con preto de 100 asociados que traballan en diferentes artes de pesca e que, como conta o antigo patrón maior da mesma, José Domínguez, destaca principalmente pola comercialización do polvo: "Chegamos a ser unha das confrarías da provincia de A Coruña que máis polvo vendía".






A veciñanza en pé: preocupación polo medio ambiente

Desde que regresou do Perú  con apenas cinco anos, a onde os seus pais emigraran desde Corcubión para, unha vez alí, crear unha empresa de barcos de pesca ,o presidente da Asociación Boca de Sapo, Francisco Santiago, comezou a aventurarse pola natureza da Costa da Morte. Esas andanzas polas covas de Liborio ou o castelo do Cardeal, como el recorda, xermolaron un amor polo mundo natural que, co paso do tempo, converteuse nunha preocupación polo seu mantemento. En 2017 nace dita agrupación "sociocultural e medioambiental" para acadar o seu lema principal, o leitmotiv do discurso de Santiago e os seus compañeiros: "Corcubión concello libre de eucaliptos".




A asociación Boca de Sapo intenta mobilizar aos veciños corcubioneses xa sexa na rúa, con actividades e proxeccións, ou nos centros escolares. Deste xeito, a agrupación corcubionesa loita pola conservación da biodiversidade e dos ecosistemas da Costa da Morte que "están practicamente desaparecendo", como asegura Santiago. Outra vía que explora o presidente de Boca de Sapo para achegar a natureza á xente é internet, en concreto YouTube. Con "pequenos documentais de dous ou tres minutos sobre a natureza da bisbarra", Santiago busca dar a coñecer as experiencias naturais que poden vivirse na contorna ou en viaxes fóra do lugar. A canle recibe o nome de Signatus Films e conta cuns 400 suscriptores.

Por outra parte, o medio ambiente non é a única preocupación da asociación. No eido social, os integrantes de Boca de Sapo reivindican o centro de día, realidade que "sería moi importante para a vila de Corcubión pero tamén para a comarca", como afirma Santiago, conscientes do paulatino avellentamento da poboación.


O encanto de Corcubión

A beleza da vila corcubionesa pode constatarse a través de diversos recoñecementos oficiais e institucionais: o premio estatal outorgado polo Ministerio de Obras Públicas en 1964,  a declaración da vila como Conxunto Histórico-Artístico en 1984 ou a designación pola Xunta de Galicia no ano 2000 como Municipio Turístico Galego. Agora ben, as apreciacións dos veciños, que pasean a cotío polas rúas de Corcubión e que son conscientes da súa realidade e das posibles problemáticas e dos beneficios, son indispensables para acadar unha visión íntegra, e tamén acorde, da vida na vila.