Actualidade de Entrimo

"O principal reto do concello é sobrevivir, loitar por non desaparecer"

COMPARTE:
Existe un mal en Entrimo que ningún habitante agocha. O intelectual galeguista Daniel R. Castelao recorría á seguinte frase para expresar a forza simbólica e a capacidade comunicativa que un obxecto (el aludía ao debuxo, mais ben) pode representar: “Un hórreo que polas fendelas mostre soamente o ceo, di máis da fame dun ano que un artigo de fondo”. Os hórreos de Queguas, unha aldea entrimeña, non só se achan baleiros: están abandonados, ruinosos. Aí un símbolo, un obxecto que suxire unha realidade: o despoboamento.



Nota: prema enriba dun ano en concreto se desexa coñecer a poboación entrimeña naquel momento.


Cando se morran os vellos, morren os pueblos”, asegura Modesto, un veciño de Queguas. “Os novos aquí non tedes onde ganar a vida”, prosegue para, a continuación, sinalar unha eira comunal onde, no pasado, se mallaba o centeo entre todos os habitantes do lugar. Xa ninguén malla e a eira non é mais que unha parte dos camiños que conforman a pequena aldea entrimeña.

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), en 2018 o concello de Entrimo rexistrou tan só 4 nacementos fronte ás 23 persoas que faleceron durante dito ano, un decrecemento vexetativo que se remonta ao século XX. Xa que logo, non é ningunha novidade para os habitantes da zona: o despoboamento é o o tema central cando a veciñanza reflexiona sobre o seu día a día e a vida do concello. Para continuar con outro leitmotiv: o avellentamento.





Nota: pase o punteiro por riba dos círculos para coñecer o número de habitantes.





A situación, que non é exclusiva de Entrimo senón da maior parte do rural galego e español, require solucións. O alcalde do Concello, Ramón Alonso, caracteriza de “agónico” o estado actual do lugar pero argumenta que “os municipios pequenos, como este, teñen pouca capacidade para, por si sos, poñer en marcha medidas porque o orzamento é moi escaso”.

Unha das medidas que a nivel local intentan desenvolver e impulsar os concellos do rural é o turismo. Entrimo non é unha excepción. Neste senso, estase a traballar para acadar o recoñecemento como camiño de peregrinación por parte da Xunta da ruta de Braga a Santiago de Compostela, que pasa por Entrimo. Aínda que Alonso admite que, actualmente, “a situación é precaria” xa que algunhas partes do camiño non están axeitadas para o fluxo de peregrinos, si que recoñece un “interese en Portugal nesta ruta”. “Aquí calquera baza é aproveitable, por iso estamos pendentes”, sostén o alcalde entrimeño. Palabras que corroboran esa situación de “agonía”.

Outra solución que se baralla desde o concello é o aproveitamento da riqueza forestal, aínda que existe unha problemática relacionada coas comunidades veciñais de montes e as “diferentes posturas” que poden defender en cada lugar, como explica Alonso. Ademais, a zona presenta un historial tráxico en canto a incendios.

No 2016, Entrimo sufriu un dos lumes máis daniños da historia do país, con preto de 3.000 hectáreas segundo a estimación da Xunta. Con anterioridade, as autoridades locais estimaron que cerca de 1.000 hectáreas queimáronse no incendio que afectou ao Parque Natural de Baixa Limia-Serra do Xurés.




Ante esta situación de desasosego, a veciñanza recorre á unión, esa que moitos afirman que se diluíu en comparanza coa que existía anos atrás. Dita unión conflúe en agrupacións como a Asociación de Mulleres do Rural de Entrimo, que pretende insuflar osíxeno no concello a través de actividades, festexos ou reivindicacións. Un tecido asociativo necesario para que a vida no lugar non esmoreza.