Actualidad de As Nogais

"Coa Vía Künig intentamos recuperar o esplendor do concello"

COMPARTE:
Como sinala o historiador nogalego Luis López Pombo, "As Nogais ten un problema chave: esa Galicia baleira". O concello presenta unha cifra de 1.079 habitantes no ano 2019, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, e perde  poboación de forma constante desde a primeira década do século XX.



Nota: prema enriba dun ano en concreto se desexa coñecer a poboación nogalega naquel momento.




Nota: pase o punteiro por riba dos círculos para coñecer o número de habitantes.


Historicamente, As Nogais é terra de camiños e, ata fai pouco, cumpría dita función a Estrada Nacional 6, que provocou unha puxanza económica no concello durante as últimas décadas do século XX. Coa chegada da Autovía do Noroeste, As Nogais experimentou un decrecemento na súa economía que chega ata a actualidade. Desde o concello nogalego intenta darlle á volta a esta situación cun novo camiño: o proxecto da Vía Künig. Neste senso, gran parte dos veciños do municipio comezan a ver nesta iniciativa unha posible saída de futuro para o lugar, polo que promoven actividades para intentar que esta vía alternativa do Camiño de Santiago reciba o recoñecemento oficial das institucións públicas.





Pombo afirma que "As Nogais ten un potencial que pode ser o turismo e o eido forestal e gandeiro". No tocante ao sector primario, o concello presenta unha gran poboación dedicada a el e que na actualidade mantén a economía do lugar. Así e todo, existen unha serie de problemáticas e realidades que provocan dúbidas de cara ao futuro nos veciños que participan desta saída laboral.





A enerxía moza para reverter a situación

En As Nogais, preto do 40% da poboación ten máis de 60 anos, o que anuncia un claro avellentamento. Neste senso, o tecido asociativo do lugar intenta fortalecer a unión entre os máis maiores para evitar unha posible soidade. Tamén se procura crear un forte vínculo entre as mulleres, as cales, historicamente, víronse relegadas a un segundo plano na vida social, especialmente no medio rural.





A pesar do avellentamento, a mocidade de As Nogais intenta reverter a situación, procurando saídas laborais que permitan a conciliación coa súa vida no concello. Baixo esta circunstancia, agrupacións como a Asociación Cultural Abrente cobran importancia para promover actividades para a xente nova do lugar e que lles transmitan unha querenza polo seu lugar natal e as súas raíces. Así o indica a súa presidenta, Fe Álvarez: "Case o 100% dos rapaces universitarios do concello están en Abrente. Temos unha implicación enorme da xente nova".