Actualidade de Cervantes

"Sen explotacións agropecuarias a paisaxe cambia, pérdese variedade"

COMPARTE:
Clodio González e Xosé Ramón Marín apuntan no seu libro Piornedo. Unha comunidade de alta montaña dos Ancares que o concello de Cervantes sufriu unha sangría demográfica pola emigración cara á América nas primeiras décadas do sécullo XX, pola marcha a zonas industrializadas da Península, Barcelona e o País Vasco a partir da década dos cincuenta e, nos últimos, o asentamento en lugares da provincia como Lugo e Becerreá. Neste senso, o municipio cervantego perdeu un total de 6.614 habitantes desde 1950 ata o ano 2019, no que presenta 1.338.



Nota: prema enriba dun ano en concreto se desexa coñecer a poboación de Cervantes naquel momento.


Por outra parte, os investigadores González e Marín sinalan que o decrecemento poboacional aféctalle "de xeito semellante a todo o territorio, pero singularmente a aquelas aldeas situadas en lugares afastados e de clima rigoroso no inverno". Para contrastar esta afirmación, os estudosos achegan un dato aclarativo sobre estes lugares: no ano 1900 o número de habitantes eran 713 e en xaneiro de 2014 só 171, "perdendo en pouco máis dun século case o 76% da poboación".




Nota: pase o punteiro por riba dos círculos para coñecer o número de habitantes.


A economía de Cervantes depende en gran medida do sector agropecuario. Neste senso, un dos seus problemas principais, común ao territorio galego, é o minifundio, como así o sinala o alcalde do concello cervantego, Benigno Gómez Tadín. Gómez apunta que en Cervantes "as explotacións gandeiras son principalmente de carne e contan cunha media de 25 ou 30 vacas", co gran problema da multiplicación dos gastos de produción en comparanza con décadas atrás, circunstancia que provoca unha situación crítica para algúns veciños da zona.

Por outra parte, o alcalde cervantego menciona a importancia que pode ter o turismo para a zona. Gómez considera que este sector non está suficientemente explotado e que se debe poñer en valor a riqueza patrimonial, histórica e paixasística para potencialo. Con todo, o responsable político de Cervantes é consciente do perigo de dedicar todos os esforzos na dinamización do turismo e avisa da importancia que teñen outras vías para que este medre: "Sen explotacións agropecuarias a paisaxe cambia, pérdese variedade. Nos anos setenta, a limpeza dos montes e o barbeito provocaban que a paisaxe fose moito máis bonita que agora. Hoxe en día, algunhas partes parecen a selva, pasan as silvas ás casas".

En relación a isto, o presidente da asociación Territorio Verde, Miguel González, amosa un parecer semellante ao de Benigno Gómez: "Esta zona ten encanto pero o vínculo coa natureza vai ligado á man do home xa que é o que a fai bonita". Ademais, González afirma que "ten que existir unha certa burocracia que marque a pauta" (en relación ás numerosas figuras de protección que posúen Os Ancares como a Reserva da Biosfera, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, Lugar de Importancia Comunitaria, Zona de Especial Protección para as Aves, Zona de Especial Protección para o Oso pardo ou Reserva Nacional de Caza) pero tamén "hai que deixar que a man do home traballe e non poñer excesivas trabas".




O futuro, unha incógnita

O alcalde de Cervantes destaca outra das grandes problemáticas do concello: a lonxevidade. Dos 1.338 veciños que presenta actualmente o municipio, 699 teñen máis de 60 anos, o que supón un 52,14% da poboación total. A esta circunstancia engádese a pouca natalidade: tan só un nacemento en 2018 e outro en 2017.

Neste senso, hai uns anos pechou a institución de ensinanza CEIP de Doiras por falta de nenos, o que supón que só haxa un colexio para todo o concello, o CPI San Román. Xa que logo, Benigno Gómez solicita "máis sensibilidade das administracións centrais de cara ao futuro" para reverter a situación crítica que están a vivir concellos como o de Cervantes.

Tamén Miguel González expresa a súa preocupación polo porvir de Cervantes: "Emprender é difícil porque aínda que temos proxectos dá medo levalos a cabo. Ademais, a xente nova que fai aquí? Poderían desenvolver alternativas propias pero sen a axuda da administración é imposible". Este veciño de Doiras, consciente e intranquilo coas circunstancias e co ánimo para buscar unha solución, creou xunto con outros socios a agrupación Territorio Verde, co fin de impulsar o medio rural, aínda que non só estritamente no ámbito cervantego.


Como así o sinala González, Territorio Verde intenta apoiar a outras asociacións do concello e da contorna como Os Xardois, "unha agrupación onde os nenos tocan música tradicional, entre outras actividades culturais". Nesta liña, o presidente de Territorio Verde considera "prioritarias" as asociacións para os concellos como Cervantes: "A súa labor é moi boa porque está directamente ligada aos veciños e ás súas preocupacións e aquí temos moitas: a asociación de Teixeiro, Teitos de Piornedo, Os Xardois, a de San Felipe de Balgos, cunha gran traxectoria e transcendencia, entre outras".



De recente creación é a Asociación Cultural Val dos Corzos, promovida por xente moza do lugar, entre eles o seu presidente David Doral. Este veciño de San Román regresou ao seu concello natal despois de traballar e vivir en Lugo e impulsou un taller de artesanía propio, recuperando o oficio do seu avó. Doral destaca a tranquilidade e o pouco estrés que ten a vida en Cervantes pero tamén amosa a súa preocupación de cara ao futuro: "Da miña xeración poucos quedamos aquí, quizais dous ou tres como moito porque para traballar aquí hai que ter algo por conta propia xa que non hai oferta de emprego, practicamente ningunha. De ano en ano nótase moito o despoboamento".