Actualidade de A Mezquita

"Case tódalas familias do concello teñen castiñeiros e venden castañas"

COMPARTE:
O concello ourensán de A Mezquita sitúase entre os municipios galegos con menos habitantes (1.023 en 2019 segundo os datos do Insyituto Nacional de Estatística), a pesar dos seus 104,26 quilómetros cadrados de extensión. Ademais, A Mezquita caracterízase por ser a porta de entrada a Galicia de Portugal e Castela, unha porta que comeza a ser fundamentalmente de saída xa que o concello mesquités perdeu algo máis de 500 veciños desde comezos de século ata a actualidade.



Nota: prema enriba dun ano en concreto se desexa coñecer a poboación de A Mezquita naquel momento.


O alcalde de A Mezquita, Rafael Pérez, asegura que o concello vese "prexudicado pola centralización de servizos ao estar nun recuncho" e pon algúns exemplos como a Garda Civil, os axentes de Medio Rural ou o Instituto que, debido a dita circunstancia, se desprazan cara outros municipios como A Gudiña. Ademais, Pérez considera que desde o goberno central debería existir "unha discriminación positiva cara ó medio rural" co obxectivo de que non se esvaeza.




Nota: pase o punteiro por riba dos círculos para coñecer o número de habitantes.


A estas problemáticas engádese outra: o avellentamento. Unha realidade común á maioría de concellos de Galicia e, sobre todo, aos máis despoboados. Segundo o INE, a provincia de Ourense presenta unha idade media de 50,6 anos en 2019, o que a coloca como a segunda provincia máis avellentada de España despois de Zamora. A Mezquita tamén exemplifica claramente esta situación debido a que o 40,47% dos seus habitantes está por riba dos 65 anos.

Tales circunstancias provocan consecuencias no eido económico xa que a falta de capital humano non permite un auxe da economía nin atrae a inversión e a presenza de empresas no concello. A esta situación engádese outra que Pérez aprecia no seu concello: "Hai xente que ten certos prexuízos para traballar en determinados labores no medio rural".





O pasado xaneiro a Xunta reabriu o paridoiro de Verín debido á presión popular, unha realidade que afecta ao concello de A Mezquita xa que se atopa a pouco máis de 40 quilómetros deste. Neste senso, cando o paridoiro se atopaba pechado, Miguel Ángel Fernández, un veciño mesquités, amosaba a súa preocupación ao respecto: "A min estame tirando para atrás o tema do hospital. Sobre todo, pensando nos fillos".

Fernández, pai dunha cativa, é consciente das circunstancias do concello polo que lle xorden dúbidas á hora de construír unha casa no lugar e enumera algunha das situacións que o fan reflexionar: pouca preocupación polo rural por parte das institucións públicas e privadas (paridoiro e apertura do banco unha vez á semana), pouca inversión no rural ou a posibilidade de ter que pechar un dos seus negocios (venta de penso) por falta de clientes. Ante dita realidade, Fernández que "non lle ve futuro" e que semella que todo o empurra a marcharse.

Así e todo, Fernández amosa unha forte convicción por quedarse en A Mezquita e xunto coa súa muller, Yolanda Luis, salientan o bo labor de asociacións do lugar como a de Os Tres Reinos, que organiza unha gran cantidade de actividades que provoca máis unión entre a xente do concello. Neste senso, o alcalde de A Mezquita tamén valora dita "participación activa da asociación na vida do concello" grazas á organización de talleres de memoria, de clases de zumba, de actividades extraescolares para os rapaces, a creación dunha ludoteca e de manter abertos o ximnasio e a biblioteca.


A castaña: unha axuda para case tódalas familias

"Case tódalas familias de A Mezquita teñen castiñeiros e venden castañas", asegura Fernández. Para moitos é unha axuda ou complemento na súa economía e para outros é a súa forma de vida xa que algunhas familias chegan a recoller 25.000 quilogramos como sostén Fernández. Neste senso, o veciño mesquités opina que a castaña pode ser "un gran negocio", unha solución para fixar poboación e unha gran saída económica.







O retorno ás raíces

Como afirma o veciño mesquités Miguel Ángel Fernández, "moita xente regresou ao concello, de Bilbao por exemplo, unha vez xubilados" co fin de pasar o resto dos seus días de vida no lugar que os viu nacer. Tal é o caso de Manuel González, un veciño mesquités que emigrou a Lucerna (Suíza) con 24 anos, onde botaba de menos a súa fala, e regresou ao final da súa vida laboral. Agora, en A Mezquita, valora "a tranquilidade e a vida máis saudable" e, sobre todo, "poder facer o que un queira por non estar suxeito a unha actividade laboral". Neste senso, existe unha aldea, A Esculqueira, que destaca pola presenza maioritaria de xubilados que optan por pasar o seu tempo libre xuntos.