Actualidade de Moeche

"No concello todos os veciños convivimos en distintas asociacións"
COMPARTE:
A dispersión é unha das principais características do concello de Moeche. As súas cinco parroquias e as diferentes aldeas que o conforman áchanse moi esparexidas nos seus 48,5 quilómetros cadrados de extensión total. A través de longas rectas e boscaxe únense os diferentes núcleos de poboación que conforman o municipio modestino. Ditas parroquias comparten un mal común: un acentuado despoboamento, outro dos trazos principais do municipio na actualidade.




Nota: prema enriba dun ano en concreto se desexa coñecer a poboación modestina naquel momento.





Nota: pase o punteiro por riba dos círculos para coñecer o número de habitantes da parroquia.


A esta problemática engádase outra: o avellentamento. Dos 1.226 veciños que presentou Moeche a finais de 2019, 543 teñen 60 ou máis anos e, en 2018, o saldo vexetativo (a diferenza entre nacementos e defuncións) acadou un resultado negativo de 28. Polo tanto, a situación require medidas e desde as institucións públicas modestinas son plenamente conscientes da súa gravidade.






Unha nova loita: dos Irmandiños ao asociacionismo

Existen dous trazos que caracterizan historicamente aos modestinos: a loita e a unión. Desde o século XV, dita idiosincrasia reflíctese na famosa Revolta Irmandiña na que os campesiños de Moeche alzáronse agrupados en contra da inxustiza e os abusos dos seus señores. Ese paso adiante da poboación modestina e esa forma de ser transmitiuse co paso dos séculos de xeración en xeración. Na actualidade, esa loita e unión volven estar presentes, como o estiveran cando os seus devanceiros, pero cuns obxectivos e un contexto diferentes. Ante a problemática do despoboamento e o avellentamento (que trae consigo a soidade en idades máis avanzadas) os veciños de Moeche recuperan o "carácter irmandiño" e pelexan a través do asociacionismo para que a continuidade do concello non se esvaeza.










O asociacionismo modestino caracterízase pola súa variedade: deporte, cultura, tradición, festexos, educación, etc. E, como salienta a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, existen 9 entidades asociativas para un municipio de tan só 1.226 habitantes, realidade que aporta argumentos que dan fe da implicación dos veciños na vida do concello e da gran cantidade de actividades que se organizan.





Ademais, en recordo e en honra da loita dos seus antepasados, o concello de Moeche celebra desde hai 40 anos un novo "Asalto ao Castelo", encadrado dentro do Festival Irmandiño que se conmemora durante o mes de agosto. En dita ocasión, o castelo ilumínase por partida triplo xa que conta con luces propias, as provocadas polos fogos artificiais e a do lume dos fachos que porta a xente que se achega ata a celebración. Luces que alumean na escuridade da noite; luces que, en sentido figurado, relaciónanse co labor do tecido asociativo modestino para que que o futuro do concello non se infeste de sombras.






O mercado de Moeche, un punto de encontro

Desde o municipio modestino intentan combater as problemáticas do lugar con medidas que fomenten a unión e o contacto entre os veciños. Deste xeito, o concello impulsou unha actividade que enfoca os seus obxectivos no encontro entre os veciños de Moeche e da contorna, así como a potenciación de produtos locais. Cada sábado ten lugar un mercado na nave municipal que acolle diversos postos de produtos gastronómicos locais xunto con outras ofertas. Ademais, no recinto áchase unha cafetería na que os veciños se reúnen tralas súas compras para fortalecer un vínculo necesario para que Moeche consolide o seu futuro.