Actualidade de Portomarín

"O Camiño de Santiago era, principalmente, unha actividade durante os meses de verán e agora son nove meses"

COMPARTE:
O intelectual galeguista Ramón Otero Pedrayo introduce a seguinte reflexión na súa obra Ensaio histórico sobre a cultura galega: “Talvez podería escribirse unha historia sintética do mundo sen citar máis que unha cidade ibérica: Compostela. Ela sen forza política nin autoridade dogmática, dinamizou o Occidente, a peregrinación creou o camiño e o camiño conexionando, elevando e afirmando ás diversas xentes de Europa e do mundo foi camiño de perfección da conciencia europea”. Continuando a mesma liña, poderíase sintetizar a actualidade de Portomarín sen citar máis que unha realidade: o camiño de Santiago, do que fala o propio Otero Pedrayo, en concreto o Camiño Francés que une Roncesvalles e Santiago de Compostela.

Un paseo pola capital do concello é suficiente para darse conta de que a maior parte dos veciños de Portomarín orientaron e orientan a súa vida e a súa actividade económica ao Camiño de Santiago. Hoteis, albergues, restaurantes, tendas de souvenirs... A atención ao peregrino é o eixe que vertebra a vida de Portomarín.



Esta realidade non está exenta de xustificación xa que como conta un dos socios fundadores do Clube Náutico e natal da vila, Roberto Rodríguez, "vense máis peregrinos que persoas locais". A esta afirmación únese o aforismo que a Intérprete do Patrimonio da igrexa de San Xoán e natural da parroquia de Vedro, Sonia Lamela, emprega para definir o que, hoxe en día, representa Portomarín: "É unha vila que vive no Camiño e do Camiño".

Se ben é certo, Rodríguez e Lamela tamén resaltan a importancia que ten a gandería para a economía portomarinense, "con granxas de polos, porcino e vacas de leite", sostén o primeiro. Neste senso, o alcalde do concello, Juan Carlos Serrano, identifica como os dous principais motores económicos de Portomarín a gandería e o Camiño. Así e todo, Lamela e Rodríguez coinciden na reconversión dos veciños cara a actividades laborais relacionadas co Camiño e a súa "diversificación". Neste senso, Roberto Rodríguez recorda unha anécdota que axuda a comprender a situación: "Hai unha familia na parroquia de Gonzar que se dedicaba ao gando e deixouno todo para construír e traballar un albergue".

Proseguindo coas reflexións de Otero Pedrayo, na obra anteriormente citada amósase crítico coas intencións dos peregrinos para a realización do Camiño naquel tempo (1930): “Hoxe, en época de turismo todo o mundo culto coñece a Santiago, pero que diferente o espírito do xentío de turistas que levados do motor ou do vapor buscan na sombra recóndita das pedras de Santiago o repouso, talvez o cumprimento dunha prescrición da moda, e o peregrino que deixando atrás horizontes de terra ou de mar, soñaba co vaporoso crepúsculo que lle ofrecía o final do camiño, o ramo florido das torres e a auga lustral do perdón!”.

Na actualidade, a intención dos camiñantes son múltiples: relixiosidade, encontro cun mesmo, deporte, turismo, desenvolvemento persoal, espiritualidade, interese polo patrimonio material e inmaterial... Nesta liña, Lamela asegura que cando os peregrinos acoden á igrexa de San Xoán, onde ela traballa como intérprete, achéganse amosando "interese pola historia, pola arte, polo plano espiritual (misas, confesións...) ou tan só para contar emocionada a súa vida".

Portomarín é un dos enclaves máis importantes do Camiño de Santiago

Con todo, o potencial turístico do Camiño é indiscutible. Neste senso, tanto Lamela como Rodríguez expoñen que a tempada de peregrinos estase a ampliar, sendo a alta (isto é, a de máis afluencia) en xuño, xullo e agosto pero que comeza a estenderse tamén a setembro e outubro. A intéprete do patrimonio da igrexa de San Xoán comenta que na tempada alta "chegan unha gran cantidade de estranxeiros, sobre todo asiáticos, mentres que os españois escapan da aglomeración de agosto". Ademais, destaca "a gran subida" de afluencia durante a Semana Santa.

Pola súa parte, Serrano que antes "o Camiño era, principalmente, unha actividade durante os meses de verán e agora practicamente son nove meses". Ademais, o responsable político do concello considera que existen tres puntos destacados no Camiño de Santiago: "O Cebreiro, Portomarín e Santiago, tres sitios que teñen algo especial".


A fixación de poboación, unha tarefa pendente

A pesar do crecemento económico do concello grazas, en maior medida, ao aporte do Camiño de Santiago, Portomarín non consegue incrementar nin soster a súa poboación, que rematou o 2019 con 1471 veciños, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).



Nota: prema enriba dun ano en concreto se desexa coñecer a poboación portomarinense naquel momento.

Ademais, Portomarín presenta outra problemática: o avellentamento. 695 habitantes dos 1471 que conforman a totalidade do concello presentan unha ideade igual ou superior aos 60 anos.




Nota: pase o punteiro por riba dos círculos para coñecer o número de habitantes.

Así e todo, o alcalde Portomarín destaca que "o Camiño xa non está tan estacionalizado" e "permítelle á xente nova iniciar unha traxectoria de benestar". Ademais, Serrano asegura que, actualmente, na vila búscanse "lugares onde vivir" e "a xente nova queda porque hai traballo e bos servizos", engadíndolle que "Lugo está preto e a calidade de vivir no rural".