Cultura de Corcubión

"A arte popular é un lazo de unión entre os pobos porque é o máis espontáneo e o máis humano que cada un produce"
COMPARTE:
O intelectual corcubionés Plácido Castro escribiu: "A arte popular é un lazo de unión entre os pobos porque é o máis espontáneo e o máis humano que cada un produce; xorde en tódalas nacións de motivos case idénticos". Ese carácter de crear comunidade é unha das características que reúne unha das asociacións culturais máis representativas de Corcubión: a Universidade Popular. Con aulas de pandeireta, canto e baile tradicional ou gaita e percusión tradicional, entre outras, a agrupación veciñal desexa establecer un vínculo entre os veciños a través de numerosas actividades que os nutran individualmente para enriquecerse colectivamente.





Corcubión, como vila mariñeira, celebra con devoción e entusiasmo a festividade da patroa dos pescadores: a Virxe do Carme, o 16 de xullo. Ademais, existe outra festa de gran tradición no concello corcubionés: a Virxe das Mercedes o 24 de setembro, que despide o verán. Nesta celebración, agrupacións da vila como a Coral Airiños de Quenxe amenizan o acto cos seus cantos, cuxos ecos resoan desde a igrexa parroquial de San Marcos, comezada a construír no século XIV e situada na Praza Párroco Francisco Sánchez, ata o porto de Corcubión.




Granada contra Río Seco

Desde a asociación Boca de Sapo están "recuperando unhas cantigas que datan do século XV, as parrandas de San Xoán e San Pedro", conta o seu presidente, Francisco Santiago. Como narra Santiago, a comezos do pasado século XX a vila de Corcubión, durante as festas de San Xoán, divdíase en dous bandos: "Estaba Granada, demarcación que era da fonte para arriba, e Río Seco, da fonte para abaixo". Os 'inimigos' competían en grupo coas verbas como protagonistas, a través dunha "especie de regueifas". A 'loita' remataba o 25 de xullo coa festa de A Ameixenda e "acababan abrazándose todos e levándose ben ata o próximo ano", sostén Santiago entre risas.