Cultura de Baleira

A "enorme sensibilidade" dos veciños co patrimonio local
COMPARTE:
O diccionario da Real Academia Española (RAE) define serendipia (palabra procedente do termo inglés serendipity) como un "achado valioso que se produce de maneira accidental ou casual" e pon como exemplo que: "O descubrimento da penicilina foi unha serendipia". En xullo de 2017, Baleira foi testemuña de dito fenómeno. Empregando as mesmas verbas que a RAE: O descubrimento da Cova dos Mouros foi unha serendipia.

Nese verán, Julio Fernández, veciño de A Fontaneira, faloulle a un grupo de sendeiristas da existencia dunha cova en Baleira. Xa que logo, acudiron ao lugar e un deles reparou na existencia dunhas marcas vermellas na parede do refuxio. Os trazos chamaron a súa atención e púxose en contacto co Seprona que, posteriormente, informou á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.



O resultado da investigación (coordinada por Carlos Rodríguez Rellán xunto con Ramón Fábregas e Fernando Carrera, todos eles especialistas en arte rupestre) foi toda unha sorpresa: o primeiro xacemento, até aquel momento, de arte esquemática en Galicia. "Esta arte, a diferenza da arte Paleolítica que se pode atopar no norte de España, en Altamira, ou en Francia, en Lascaux, caracterízase, sobre todo, por un carácter abstracto e adoitan ser figuras xeométricas: zigzags, liñas ou puntos. Tamén hai figuras humanas pero aínda así as representacións naturalistas son moi esquemáticas, de aí o seu nome", explica o responsable do estudo, Carlos Rodríguez Rellán.

Como apunta o arqueólogo, "a arte esquemática é ben coñecida no resto da Península Ibérica, sobre todo na metade noroccidental, en Castela e León ou no norte de Portugal, pero en Galicia nunca aparecera. Pensábase que como no territorio galego se produciran petróglifos, non se producira arte esquemática. Isto aumentou o interese do xacemento".

A Cova dos Mouros localízase a uns 870 metros de altitude, na aldea de Santiago da Fontaneira

No tocante á antigüidade das representacións, Rodríguez Rellán afirma que "as pinturas vermellas son difíciles de datar porque están feitas con óxido de ferro e non existe elemento orgánico para a súa datación". Xa que logo, o equipo de investigadores realizou unha escavación "ao pé das representacións para detectar restos de presenza humana que puidesen ser coetáneos ás pinturas", conta o responsable do grupo.

Rodríguez Rellán salienta que "existen unha serie de niveis de ocupación xa que non houbo unha presenza continuada" e aventura que os asentamentos puideron estenderse tan só "días ou semanas". Na entrada deste antigo abrigo, érguese un pequeno muro de pedra e terra, que se construíu co fin "de protexer a cova da intemperie e facela máis cómoda xa que está situada en desnivel", e a base deste remóntase, temporalmente, a un "momento de transición entre o cuarto e o terceiro milenio antes de Cristo, no 3800 ou 3900", apunta o arqueólogo.

Por outra parte, o estudo expón a existencia dunha gabia onde se acharon restos de estacas de madeira, practicamente intactas, que datan entre o segundo e o terceiro milenio antes de Cristo. Polo tanto, "a Cova dos Mouros estivo ocupada durante dous mil anos en períodos moi curtos e, ao longo deste tempo, foi cando se realizaron as pinturas ", conclúe Rodríguez Rellán.

Nas pinturas atopadas na cova, predominan as grafías semicirculares e a cor vermella

Con posterioridade a esta descuberta, apareceron outros xacementos de arte rupestre esquemática en Galicia, como os de Penedo Gordo (en Vilardevós), Castelo de Lorbazán (Oímbra), Casaio (Valdeorras) e Ceadá das Laxes (Monterrei), que xunto coa Cova dos Mouros en Baleira están en proceso de seren declarados Ben de Interese Cultural (BIC). Como sinala Rodríguez Rellán, todas estas pinturas "son moi semellantes pero as de Baleira teñen unha serie de elementos que as fan únicas, como ata certo punto teñen as demais".

As representacións baleiresas presentan "unha serie de motivos tipo chevrons ou zigzags que se aproximan máis á arte megalítica que á esquemática, aquí a novidade da Cova dos Mouros", expón o arqueólogo. Neste senso, Rodríguez Rellán describe que na parede desta cavidade áchase "un antropoformo, unha representación humana, que está parcialmente gravada e posiblemente pintada. O que fixeron os creadores foi, cunha ferramenta de pedra, riscar e levantar anacos de pedra para realzar e darlle volume á figura humana, unha especie de falso relevo".

Este tipo de figuras coñécense como "orantes", isto é: "un individuo cos brazos levantados, como se estivese orando ou pensando", explica o responsable da escavación. Xa que logo, "esa mestura de técnicas de gravado e pintura, xunto co feito de que se faga un relevo", é algo excepcional dentro da península pero, como apunta Rodríguez Rellán, "non quere dicir que non exista, xa que igual non se coñece ou non se descubriu".

O arqueólogo destaca a "enorme sensibilidade" dos veciños de Baleira cara á Cova dos Mouros, uns habitantes preocupados por preservar, dignificar e dar a coñecer o seu patrimonio.


A fervenza e o muíño de San Paio, orgullo familiar e baleirés

O pulmón de Baleira é a fraga da Marronda. Xa non só no eido natural senón que tamén aporta osíxeno á economía de Baleira, e espérase que aínda máis coas novas actividades que se están acometendo. Ao longo ruta da Marronda - Alto Eo, unha desas iniciativas, discorre a través dun traxecto que cruza a aldea de San Paio, onde se atopa unha fervenza que foi creada paseniñamente por veciños do lugar.

Ao carón do salto, érguese un muíño familiar. Os seus donos, Carlos e Miguel Fernández, pai e fillo respectivamente, acoden e amosan o lugar con admiración e paixón nos ollos, como quen o descobre por primeira vez. Mentres as augas da fervenza emiten o seu peculiar son, Carlos e Miguel explican con orgullo que o muíño foi pasando de xeración en xeración no seo familiar e recordan que, outrora, a roda non paraba de funcionar durante longos períodos de tempo, día a día.

O muíño e a fervenza conxúganse para crear un espazo singular e un patrimonio apreciado non só polos veciños de San Paio e os propios donos da construción, senón por todo Baleira.