Cultura de Cervantes

"Piornedo é o núcleo de toda a alta montaña astur-galega-leonesa que conserva máis construcións antigas entre outras modernas, formando unha amálgama singular"

COMPARTE:
Clodio González e Xoán Ramón Marín recollen na súa obra Pionerdo. Unha comunidade de alta montaña dos ancares que no ano 1752 o 84,21% dos veciños de Piornedo eran nobres: dos 19 veciños naquel intre, 16 eran fidalgos, 2 labradores e unha víúva que non consta, detallan no libro. Un dato curioso debido ao cal González e Marín atrévense a lanzar un interesante eslogan: "Piornedo, terra de fidalgos".

Así e todo, a situación actual dista moito daquela experimentada a mediados do século XVIII xa que Piornedo conta con 36 veciños no ano 2019, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, o que supón un gran descenso se se compara coa poboación rexistrada en 1920 ou 1930: 119 e 123 respectivamente.

A palloza é o sinal de identidade do Piornedo
A este decrecemento poboacional únese, na actualidade, que algúns veciños non presentan os suficientes recursos económicos para acometer os coidados axeitados e requiridos polas construcións que fan de Piornedo un lugar especial: as pallozas. No pasado estaban dedicadas á vivenda das persoas pero tamén como corte para os animais e como almacén, todo isto compartindo o mesmo espazo. Dita circunstancia tiña como finalidade protexerse do frío e das copiosas nevadas presentes nos meses invernais en Piornedo. Como explican Moure e Carpente, "a súa estrutura aílla do frío exterior, mantendo a calor producida pola lareira e pola fermentación de esterco".

Moure e Carpente apuntan na súa obra que o concello de Cervantes conta con máis de 60 pallozas, "en distinto estado de conservación". Tamén sinalan que é en Piornedo onde se concentra o maior número e as mellor conservadas xa que no resto do municipio cervantego "atópanse en regular ou mal estado de conservación". No tocante aos materiais, Moure e Carpente describen que as pallozas "están realizadas en pedra granítica ou lousa, madeira de carballo ou castiñeiro para vigas e soportes, e palla (colmo) para a cuberta".

Nas pallozas, convivían familias completas cos seus animais

Co fin de protexer este patrimonio tradicional, etnográfico e cultural, algúns propietarios de pallozas crearon a asociación Teitos de Piornedo que, entre outras iniciativas, veñen de lanzar un crowfunding (solicitude de apoio económico) para o mantemento das construcións e o labor de teitalas, o cal resulta moi costoso.



González e Marín afirman na súa obra de 2015 que "actualmente en Piornedo ninguén se lembra de construír unha palloza, un palleiro nin tampouco un hórreo, pero non xa as persoas maiores que aínda viven (de máis de oitenta anos), seón que contan o mesmo dos seus avós, polo que os derradeiros que se fixeron deben ser a finais do século XIX". Neste senso, desde Teitos de Piornedo informan que tampouco quedan moitas persoas que saiban teitar, incluso recorren a unha empresa para a súa realización.


Polo tanto, existe o perigo de que se perda este patrimonio, que fixo de Piornedo, declarado Monumento Histórico Artístico, un lugar peculiar no mundo. En verbas de González e Marín: "Actualmente é o núcleo de toda a alta montaña astur-galega-leonesa que conserva máis construcións antigas entre outras modernas, formando unha amálgama singular".