Cultura de Fornelos de Montes

"Un concello transcende cando ten unha actividade cultural"

COMPARTE:

No ano 2012, a Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe xunto co Concello de Fornelos crearon o Premio Manuel Lueiro de Poesía, convocando a súa primeira edición. A presidenta de dita agrupación cultural fornelá e promotora do certame, Carmen Carreiro, explica que ata a creación do certame "case todo o mundo asociaba a Lueiro con O Grove xa que desenvolveu alí a súa vida e foi onde casou e tivo os fillos. Moita xente pensaba que era de O Grove pero Lueiro naceu en Fornelos".

Aínda que a relación do escritor con Fornelos sexa "aparentemente mínima", como sinala Carreiro, "un neno de 7 anos (momento no que se traslada a O Grove) ten as súas primeiras vivencias importantes onde nace, onde vai á escola, onde ten os compañeiros de xogo e, incluso, onde estivo a carón da súa nai ata que morreu".

Por todos estes motivos, a presidenta da asociación fornelá quixo "rescatar a Lueiro para Fornelos" e, tamén, para levar a cabo "accións que axudasen a destacar a Fonelos xa que un concello transcende cando ten unha actividade cultural". Deste xeito, o certame literario viu a luz da man do concello e da asociación pero tamén da Deputación de Pontevedra, coa que Carreiro se amosa moi agradecida, especialmente coa figura de Xosé Leal, deputado de Cultura e Lingua naquel intre.

Como detalla Carreiro, Lueiro destacaba polo seu carácter polifacético. O fornelán "traballaba en Facenda para subsistir" e, ademais de escribir poesía e novela, colaboraba con xornais da época como Ciudad, Diario de PontevedraFaro de Vigo, El Pueblo Gallego ou La Voz de Galicia, entre outros. Debido á súa ideoloxía comunista, os artigos de Lueiro céntranse na denuncia, unha esencia que tamén evidencia nas súas novelas e poemarios.

Debido ao seu ideario, Lueiro ten que agocharse tralo estalido da Guerra Civil e regresa a Fornelos de Montes. Neste senso, o escritor é vítima da censura e ten que publicar Manso, a súa principal novela, na Arxentina cunha cuberta deseñada por Luis Seoane, segundo conta Carreiro. No tocante á súa obra, a responsable da asociación cultural fornelá destaca o libro Non debían medrar, recentemente autoeditado polo concello de Fornelos, e no que "está a esencia de Lueiro en Fornelos: un neno que marcha do interior ao mar e que o este o sorprende, ademais de que a escola non encaixa con el porque deixa todo atrás".





A semana grande de Fornelos de Fontes

As festas patronais do concello fornelán en honra de San Lourenzo festéxanse durante o mes de agosto e son un sinónimo de unión e diversión entre os veciños. A semana grande, como a chaman, é a un dos momentos máis esperados polos forneláns durante o ano, uns días nos que a música, a gastronomía e os actos relixiosos intercálanse para venerar ao seu patrón.