Cultura de Portomarín

"Portomarín é o único sitio, xunto con Potes, onde a augardente se fai con alquitara"
COMPARTE:
Un dos socios fundadores do náutico de Portomarín e veciño do concello, Roberto Rodríguez, emprega as seguintes verbas para definir a súa terra natal: "Estamos no eixe das dúas vías máis importantes de Galicia: a cultural (o Camiño de Santiago) e a vital (o río Miño)". As augas do Miño foron para Portomarín, como afirma o escritor Ángel Fernández López, "a súa principal despensa".



A presenza da auga doce facilitou o coidado dos cultivos pero tamén supuxo un manantial gastronómico para a zona. Un deses produtos é a anguía que, na actualidade, é un dos pratos máis solicitados polos visitantes e os propios veciños.



Por outra parte, a torta de Portomarín é outro deses praceres gastronómicos do concello, semellante á torta de Santiago. En canto á bebida, a augardente de Portomarín posúe unha fama acreditada que a sitúa entre as máis recoñecidas do territorio galego e a súa destilación é toda unha arte.




A vitalidade do Miño trasladada ao deporte

O río Miño non só aporta unha rica e variada gastronomía para a zona senón que tamén supón un aumento das actividades de ocio do lugar. Neste senso, concello de Portomarín posúe un Clube Náutico para a práctica de deportes relacionados, sobre todo, coa vela que ten o seu punto álxido durante a regata de vela do Trofeo Xacobeo Vila de Portomarín, celebrada na estación estival.




Os domingos portomarinenses son para o folklore

As augas do Miño tamén están presentes na cultura e na música xa que existe unha agrupación que honra a este fenómeno natural coa súa denominación: Asociación Cultural Río Miño. Esta corporación "fundouse no ano 1986" e conta na actualidade con "máis de 30 socios que acoden a clases de música, gaita, percusión pandeireta e baile tradicional, divididos en dous grupos (pequenos e maiores)", como explica o seu presidente Manuel Rodríguez.

Durante o verán, os integrantes acoden a actuacións fóra de Portomarín, durante este último a Chantada ou Taboada, o que supón para os máis pequenos "un acontecemento bonito porque rompen a rutina e van xuntos no autobús relacionándose", describe o responsable da agrupación cultural.

Ademais, na época de estío o concello organiza os chamados Domingos Folclóricos e a asociación, como é lóxico, participa neles: "É como xogar na casa, en argot futbolístico. Os seus familiares veñen a velos e hai moita xente, entre eles os peregrinos, polo que a praza está abarrotada e a eles gústalles", comenta Manuel Rodríguez.

No tocante ao futuro, o presidente Asociación Cultural Río Miño móstrase vacilante e considera que o seu obxectivo "é manterse que xa que é difícil que vaia a máis porque é un concello moi pequeno e hai poucos nenos".