Cultura de Riós

"O entroido nesta zona ten unha tradición moi antiga"

COMPARTE:
No eido cultural, a provincia de Ourense destaca pola festividade do entroido. Xinzo, Laza, Verín, Viana do Bolo ou Maceda destacan polos seus persoeiros protagonistas (pantallas, peliqueiros, cigarróns, boteiros e felos, respectivamente), cuxos traxes e máscaras convertéronse ao longo dos séculos nunha tradición que conforma unha gran riqueza patrimonial. Neste senso, outros lugares da contorna ourensá recuperaron e dignificaron desde hai uns anos os seus traxes e máscaras tradicionais, tal é o caso de Entrimo ou de Riós, onde o vellarrón de Castrelo de Cima volve a estar moi presente nos días de entroido.





Os Queimas, cultura e tradición como solución ao despoboamento

Ya ha nacido el niño Dios
de una hermosita doncella.
Su madre lo ofreciera a llevarlo a una fiesta,
como la gente era tanta, el niño se le perdiera.

A veciña de Castrelo de Cima Remedios Manaser canta a chamada "Cancións dos Reis" mentres algúns dos residentes desta aldea orriolense, como Antonio Estévez, José Luis Salgado, María Luz Díaz, Ángeles Salado ou Marina Danta, escóitana con atención. Pronto se unirán a ela. Castrelo de Cima presentaba no ano 2000 un total de 65 habitantes, en 2019 rexistráronse tan só 36, a gran maioría deles reunidos no centro socio-cultural do lugar mentres Remedios Manaser continúa coa canción.

Vuélvase para su casa,
Vuélvase para su tierra.
Vuélvase para su casa,
tendrá la dicha buena.

O despoboamento que afecta ao concello de Riós pon en perigo ás aldeas de pouca poboación como esta, que buscan nas xuntanzas e na unión unha maneira de esquecerse da realidade. Pero tamén de revertela. Con este fin traballa a asociación Os Queimas, que intenta darlle vida ao lugar recuperando tradicións e organizando actividades culturais para atraer xente a Castrelo de Cima.

Si no nos volvemos a ver,
que en el cielo nos veamos.

A canción conclúe, o vecindario de Castelo de Cima aplaude e Remedios Manaser aproveita para reclamar cun ton de súplica e os ollos chorosos: "Hai que levantar o pueblo para riba!".