Fala de Cervantes

"Unha das características principais do concello é que o plural das palabras rematadas en n, faise en is, escoitarás dicir 'cais' en vez de cans"
COMPARTE:


A zona de Cervantes caracterízase por unha gran diversidade lingüística. Francisco Fernández Rei no seu libro Dialectoloxía da Lingua Galega sostén que o concello cervantego pertence á área oriental-central, especificamente á microsubárea Fonsagrada-Cervantes, delimitable coa isoglosa mutio.



Os datos oficiais máis recentes non achegan unha cifra específica sobre o uso do galego en Cervantes pero, segundo un informe do Instituto Galego de Estatística (IGE) de 2018, o 88,50% das persoas da área Lugo oriental falan “en galego sempre ou máis galego ca castelán”. Se ben é certo, existen cifras do IGE referidas ao ano 2011, as cales amosan que entre o 80% e 100% de habitantes de Cervantes teñen o galego como primeira lingua.



O municipio presenta claras diferenzas lingüísticas nos distintos lugares que o conforman, sobre todo naquelas parroquias e aldeas que se asentan na beira máis oriental de Cervantes, tal é o caso de Piornedo. Preto de Cervantes áchase a área dialectal ancaresa que, segundo Fernández Rei, está formada polas falas ancaresas do Bierzo, xa que logo non presenta ningún concello galego.