Fala de Corcubión

"O feito de ser unha creación do noso pobo é unha razón para que o galego sexa para nós a lingua máis importante do mundo"
COMPARTE:


O xornalista, tradutor, escritor e militante galeguista corcubionés Plácido Castro formulou a seguinte reflexión sobre a lingua: "O feito de ser unha creación do noso pobo é unha razón que abonda para que o galego sexa para nós a lingua máis importante do mundo. Se o cultivamos chegaremos a comprendernos e a expresar as nosas ideas, moito máis importante para nós que as dun filósofo alemán ou un novelista ruso". Deste xeito, o intelectual de Corcubión manifestou o seu amor pola lingua galega e o seu interese por dignificala.

Máis de 50 anos despois do seu pasamento, o concello que o viu nacer presentou en 2011 unha baixa cifra de uso do galego respecto aos lugares da súa área: os falantes que teñen o galego como primeira lingua en Corcubión oscilan entre o 40% e o 60%, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística. Esta porcentaxe dista moito das cifras aportadas pola última enquisa do IGE: o 92,43% das persoas da área da Costa da Morte, á que pertence o concello corcubionés, falan habitualmente en "galego sempre ou máis galego que castelán".

No tocante aos datos non oficiais, aqueles que achegan os veciños da vila, o profesor de Lingua e Literatura Galegas do Instituto Fernando Blanco de Cee, Serxio Iglesias, expón que no concello corcubionés "existe unha gran presenza do castelán, incluso entre a xente máis maior". Neste senso, Iglesias perfila as posibles causas desta realidade: "O motivo polo que, quizais, o castelán está moi presente en Corcubión sexa porque foi unha poboación de moita presenza funcionarial, con moita burocracia institucional: notarías, rexistros da propiedade, xulgados, comandancia de mariña, etcétera". 


"Todo isto trouxo consigo os axentes castelanizadores que, dalgunha maneira, contaxiaron á poboación local", asegura o profesor de galego. Xunto con esta reflexión, resulta interesante introducir a que a presidenta da asociación corcubionesa Universade Popular, Casilda Caamaño, manifestou sobre o uso do galego na zona: "Corcubión ten a fama de ser unha vila de señoritos que non fala o galego".

Así e todo, Iglesias recoñece que "a súa percepción é positiva neste comarca xa que a maioría dos rapaces é galegofalante". Ademais, o profesor de galego salienta a posibilidade de exercer como docente na zona  porque existe "un material vivo" para traballar, isto é: "As bonitas variantes dialectais da Costa da Morte". En concreto, os trazos característicos da área dialectal Fisterrá, que pertence ao Bloque Occidental e abarca, fundamentalmente, a parte occidental da provincia de A Coruña, abranguendo un gran territorio: concellos como Cee, Fisterra, Corcubión, Muxía, Dumbría, Carnota, Muros e tamén a zona de Vimianzo, Zas e Camariñas.



En canto ao futuro da lingua, Iglesias sostén que "falar galego significa querer ao galego e quizais non estamos nesa dinámica hoxe en día". "Deberiamos ter querenza e agarimo pola nosa lingua porque os nosos devanceiros falaron nela e porque os nosos escritores escribiron nela. Con este lado afectivo e emotivo é como imos saír cara adiante", opina o docente. Plácido Castro, noutra das súas máximas, introduce un motivo para enriquecer e potenciar esa afectividade: "Á lingua galega ningunha lle gaña en calidades e posibilidades poéticas".