Fala de Moeche

"Mantemos a gheada, é unha fricativa moi aspirada, unha gheada moi suave"
COMPARTE:


A área dialectal Mindoniense pertence ao chamado Bloque Central. Dita área abarca, fundamentalmente, o extremo nororiental da provincia de A Coruña e a maior parte do norte de Lugo, abranguendo os concellos coruñeses como Ferrol, Valdoviño, San Sadurniño, Moeche, Narón, Cariño, Cedeira, Origueira, Cerdido ou Somozas, entre outros, e concellos lucenses como Ourol, Muras, O Valadouro, Alfoz ou Mondoñedo, entre outros.

No tocante a Moeche, situado na comarca de Ferrol, este pertence especificamente á subárea occidental da área Mindoniense, que "comprende o nordeste de A Coruña e concellos lucenses veciños", tal e como indica Francisco Fernández Rei no seu libro Dialectoloxía da Lingua Galega.

Os datos oficiais máis recentes non achegan unha cifra específica sobre o uso do galego en Moeche pero, segundo un informe do Instituto Galego de Estatística (IGE) de 2018, tan só o 33,75% das persoas da área Ferrol-Eume-Ortegal falan “en galego sempre ou máis galego ca castelán”. Agora ben, esta estatística non coincide coa realidade do concello modestino.

O primeiro motivo débese a que dita área recollida polo IGE presenta datos de municipios moi diferenciados en canto ao uso do galego. Por exemplo, en Ferrol (do que si existen cifras específicas) tan só o 6,71% dos habitantes do concello falan "en galego sempre" e o 10,98% "máis galego ca castelán", realidade que contamina a estatística global da área. O segundo motivo débese aos últimos datos publicados polo IGE en canto ao uso do galego por concellos en 2011; dito informe refliecte que entre o 80% e o 100% das persoas de Moeche son "falantes de galego como primeira lingua".




O uso e a querenza polo galego en Moeche reflíctese, especialmente, na asociación veciñal Labacengos. Como explica a súa presidenta Eva Quetti, desde a agrupación acostuman a celebrar o Día das Letras Galegas cun concerto ou unha peza teatral e, con asiduidade, colgan no local da asociación algúns versos ou escritos do personaxe á que se dedica a celebración. Neste senso, Quetti salienta o interese pola lingua que presenta a asociación: "Aquí todo é en galego. Nós é no que nos movemos, no galego. A tódalas horas". Así e todo, a modestina manifesta que no concello existe, cada vez máis, unha presenza e introdución do castelán.