Fala de Portomarín

"O galego portomarinense é moi semellante ao galego da cidade de Lugo e ao galego normativo"
COMPARTE:


A área dialectal coñecida como Lucu-auriense pertence ao Bloque Central. Dita área é unha das máis amplas en canto extensión e engloba algunha zona de tres provincias galegas: Lugo, Ourense e Pontevedra. Se ben é certo, a presenza desta área na provincia pontevedresa é moi baixa.

No tocante á zona lucense, esta área dialectal afecta aos territorios do sur de Lugo mentres que en Ourense representa a maior parte da súa fala e alberga as capitais de provincia de ámbalas dúas polo que, en número de habitantes, é unha das máis importantes. O concello lucense de Portomarín é unha das poboacións que presenta as características que definen a área dialectal Lucu-auriense



Os datos oficiais máis recentes non achegan unha cifra específica sobre o uso do galego en Portomarín pero, segundo un informe do Instituto Galego de Estatística (IGE) de 2018, o 65,04% das persoas da área Lugo central falan “en galego sempre ou máis galego ca castelán”. Se ben é certo, existen cifras do IGE referidas ao ano 2011, as cales amosan que entre o 60% e 80% de habitantes de Portomarín son “falantes de galego como primeira lingua”.

Se ben é certo, o galego emprégase menos que antes pola influencia do Camiño de Santiago, como afirma a Intérprete do Patrimonio da igrexa de San Xoán, Sonia Lamela. "A pesar de que a maior parte dos veciños temos como lingua materna o galego, a adaptación ao camiño provoca que mudemos de lingua", sostén Lamela. Isto débese ao contacto diario cos peregrinos en aqueles postos de traballo relacionados directamente coa atención dos mesmos, que provoca un maior uso do castelán e tamén de linguas estranxeiras.