Historia de As Nogais

"O Camiño Real marcou o inicio de As Nogais como vila"

COMPARTE:
O diccionario da Real Academia Galega define camiño como o "espazo trazado e disposto para poder ir dun lugar a outro". Este concepto conformou e influíu dun xeito transcendente na realidade histórica de As Nogais. Así o sostén o historiador Javier Gómez Vila: "O gran momento de As Nogais é a creación do Camiño Real que construíu Carlos III. O rei español tivo a idea, durante o século XVIII (década de 1760), de unir Madrid con todas as capitais provinciais, creando unha rede de camiños caracterizados por seren anchos, de 7 ou 8 metros, empedrados, con pontes e con pousadas".

"O Camiño Real marcou o inicio de As Nogais como vila", asegura Gómez Vila, xa que o lugar medrou ás beiras desta vía. Ademais, califica este intre (finais do século XVII e principios do XIX) como o de máximo esplendor do lugar, cando "miles de viaxeiros pasaban por As Nogais e se transformou a economía arredor deste camiño". "Algúns documentos so século XVII reflicten que tódalas casas de As Nogais eran mesóns", afirma o historiador, e que "as pousadas marcaron a fisionomía de As Nogais". Neste senso, xunto cos camiños Gómez Vila mencionan ao río Navia como "os dous grandes eixes do lugar", este último para conformar a estrutura natural do lugar.


O río Navia atravesa As Nogais de suroeste a noroeste
O camiño é tamén a mesma historia, os acontecementos que ocorreron desde un punto ata outro punto e que sempre teñen un comezo. Ese inicio en As Nogais márcao s primeiros asentamentos pertencentes á cultura castrexa, onde destacan os castros de Vilabol, Vilaesteva e Quintá.




Co paso dos séculos chegarán outras construcións como as fortificacións de defensa en Torés e Doncos, esta última encargada da vixilancia das vías de As Nogais. Como sostén Gómez Vila: "Incluso o patrimonio está vinculado aos camiños".




Durante o século XIX, As Nogais adquirirá a conformación xeográfica que a define actualmente. Posteriormente, no século XX chegará un novo camiño que marcou unha etapa de puxanza económica e poboacional: a Estrada Nacional 6 (N-IV) que une Madrid e A Coruña. Coa aparición da Autovía do Noroeste (a A-6), a circulación de vehículos pola N-VI minguou e provocou un estancamento e decrecemento do concello nogalego, situación que sofre na actualidade.





Künig, o monxe que eludía as costas

O sociólogo polaco Zygmunt Bauman escribe no seu libro Europa. Unha aventura inacabada que “os europeos eran os aventureiros entre os amantes da paz e a tranquilidade: viaxeiros compulsivos e infatigables entre os tímidos e os sedentarios, vagabundos e errantes entre aqueles que preferían vivir as súas vidas nun mundo que remataba na última cerca da súa aldea”. Esta esencia semella a mesma coa que o monxe alemán Hermann Künig acometeu a súa longa peregrinación desde Vach ata Santiago de Compostela.

No ano 1495,  Künig escribiu unha guía de peregrinos que recolle a súa viaxe ata a capital galega. Como afirma Gómez Vila, "o monxe percorreu uns 2.600 quilómetros e menciona na obra a distancia entre os distintos hospitais (onde daban de comer na Idade Media), cal é o mellor viño, cal é a dirección e as pontes que hai que tomar, etc." Así e todo, o historiador sinala que hai unha gran diferenza respecto á guía do Códice Calixtino (a do Camiño Francés): "O monxe evitaba sempre as costas".

Por este motivo, Künig desviouse, na entrada de Galicia, por Pedrafita e continuou ata Lugo. Segundo Gómez Vila, Künig describe a cidade lucense como "preciosa e distinta das demais debido á súa conformación pola muralla. Ademais, vai ás termas, dáse un baño e aconsella a súa visita".

A obra, editada cinco veces en Alemaña entre 1495 e 1521, estivo esquecida durante séculos debido ás guerras de relixión entre os príncipes luteranos e Carlos V polo que se frearon en seco as peregrinacións", como explica Gómez Vila. O propio historiador é un dos impulsores do proxecto que están a levar a cabo cinco concellos lucenses (Becerreá, As Nogais, O Corgo, Barralla e Lugo) para conseguir o recoñecemento oficial da vía por parte da Xunta de Galicia de cara ao próximo Ano Xacobeo.




Así e todo, existen voces que disenten do trazado do proxecto. Tal é o caso de Xabier Moure, un historiador que xunto ó colectivo Patrimonio dos Ancares intentaron visibilizar desde 2015 esta vía alternativa do Camiño de Santiago. "Künig dedícalle tan só catro liñas desde o Alto de Pedrafita ata Lugo, non nomea ningún lugar. O monxe marca a distancia en leguas e sitúa unha vila colgada dun monte e nos Ancares todo colga dun monte. Curiosamente, As Nogais non está colgado de nada e comezou a existir como vila a partir do Camiño Real".

A proposta que eles promoveron, marca unha ruta que vai desde o Alto de Pedrafita, pasando pola Torre de Doncos  e despois cara o Castelo de Torés. Os dous últimos situados no concello de As Nogais pero sen cruzar pola súa capital municipal, por onde si atravesaría o proxecto actual. O camiño continuaría por Becerreá e o mosteiro de Penamaior ata Lugo.