Historia de Cervantes

"Cervantes foi un feudo do republicanismo"

COMPARTE:
O concello de Cervantes encádrase dentro da comarca dos Ancares, á que tamén pertencen os municipios de Becerreá, As Nogais, Baralla, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro. Cervantes sitúase na parte oriental da provincia de Lugo, nun lugar definido pola serra dos Ancares. A súa localización e orografía provocaron un dos feitos que determinarían a súa historia: o illamento.



Como explica o historiador e autor, xunto coa documentalista Pilar Carpente, do libro Cervantes, un concello con historia, Xabier Moure, "as comunicacións en Cervantes ata 1960 eran practicamente camiños". "Entre 1910 e 1925 montouse unha empresa madeireira coñecida popularmente como a do cable, porque empregaba un teleférico para transportar os materiais. Foi naquela época cando se fixo a primeira estrada asfaltada ao Piordeno", apunta Moure dando conta do abandono ao que estivo sumido o concello durante moitos anos.

Este illamento tamén se exemplifica nas relacións sociais e económicas. Moure di que "por mor do illamento Cervantes relacionouse máis coa zona do Bierzo, sobre todo a parte máis oriental como Pando e Donís, que son tamén as aldeas máis reivindicativas".

A altitude á que se atopa o concello de Cervantes foi determinante na súa historia

Por outra parte, Moure sostén que "para entender o que hoxe é Cervantes podemos remontarnos á Idade Media", cando os poderes señoriais e eclasiásticos rexían na zona. Naquel intre, "os bispados de Astorga e Lugo pugnaron pola posesión e incorporación ás súas diocéses do concello de Cervantes", comenta Moure.

Por outra parte, Moure salienta un detalle curioso: "Durante a Revolución Irmandiña e despois coa orde dos Rei Católicos de derrubar todas as fortalezas que non fosen cabeza de merindade, en Cervantes non consta ningún derrubamento". "Isto indica que tiña xente afín que controlaba o territorio", apunta o historiador. Esta longa submisión ao poderes señorial e eclesiástico durante moitos séculos derivaría, posteriormente, na elección de determinados bandos no futuro.


Un pasado de episodios militares

En maio de 1808 o pobo español revélase contra as tropas napoleónicas que invadiran a Península Ibérica e, deste xeito, comeza a chamada Guerra da Independencia (1808-1814). Moure sinala que "a actividade bélica na zona dos Ancares foi grande, sobre todo no que podemos catalogar como encontronazos pero non houbo grandes batallas".

A documentación histórica amosa a existencia de saqueos de casas e igrexas e "consta que os veciños de Cervantes participaron nas chamadas alarmas populares e que os franceses chegaron ata San Tomé de Cancelada", asegura o historiador. Ademais, Moure escribe no libro que "en varias casas de Baralla, Becerreá, Cervantes e As Nogais aínda se conservan algunhas armas daquel episodio".

Por outra parte, a zona dos Ancares tamén adquiriu certo protagonismo durante as Guerras Carlistas, sobre todo durante a primeira (1833-1840), sobre todo en Navia de Suarna e Becerreá co episodio de O Cereixal como indica Moure. "A igrexa na zona de Cervantes situouse de parte dos liberais, algo que nos sorprende un pouco pero que ten explicación porque existía un fidalguía menor, pobre que o carlismo non lle dicía nada", sostén o autor do libro Cervantes, un concello con historia.


Da sublevación do XIX á represión franquista

A finais do século XIX, no ano 1873, tivo lugar un acontecemento representativo da idiosincrasia do pobo cervantego, un pobo que nas anteriores guerras descritas se amosara reivindicativo. Debido a uns impostos abusivos por parte do recadador, os veciños de Donís, cansos de pagar o tributo, fixeron prisioneiro ao recadador e proclamaron a República Independente de Donís. A situación tan só durou uns poucos días ata que a Garda Civil acudiu ao lugar para poñer fin á revolta.

Así e todo, este suceso resulta significativo para entender episodios históricos posteriores. O poder eclesiástico e, sobre todo, señorial exercido durante séculos no concello cervantego supuxo, segundo Moure, que "Cervantes fose un feudo do republicanismo na zona".

Dita cuestión provocou "unha terrible represión durante a Guerra Civil e a posterior Ditadura", explica o historiador. Neste senso, Moure detalla que "Cervantes é o concello da provincia de Lugo con máis deportados a campos de concentración nazis". O historiador recolle no seu libro un total de 4 deportados (dos que aporta nome, apelidos e data de extradición) a campos de concentración como o de Mauthausen ou de exterminio como o de Gusen. Ademais, Moure contabilizou un total de 40 fusilados na zona, xunto con moitos que foron recrutados forzosamente para as filas franquistas.

Deste xeito, o autor do libro sobre a historia do concello cervantego salienta que "dialogar cos vellos deste asunto, aínda hoxe, é un tema tabú" e recorda que "ata os anos 60 ninguén falaba de Cervantes ata que Manuel Fraga montou no lugar a súa reserva de caza".