Historia de Corcubión

"Foi durante o século XIX cando se produciu un gran auxe económico e existiu unha pequena burguesía que tiña relacións coa Monarquía española"
COMPARTE:
É o mar esa realidade e idea que, directa ou indirectamente, esculpiu a historia de Corcubión, ao igual que este fenómeno natural erosiona ás rochas coas súas infatigables correntes e ondas. A vila de Corcubión caracterízase xeograficamente por ser un lugar de transición entre as Rías Baixas (parte máis alta) e a Costa da Morte. Ademais, é o porto natural da ría que leva o seu nome polo que, como afirma o historiador e técnico local de emprego, Norberto Pais, "é lóxico que houbese asentamentos moi antigos nesta vila". Así o reflicten "os castro de Quenxe e o de Redonda que determinan a presenza de galegos castrexos", e, prosigue Pais, "o achado de retos de tella romana que dan fe de que nesa altura tamén existía presenza humana".

Foi desde a Idade Media cando Corcubión se converteu nunha vila importante, baixo o mandato dos Conde de Traba. "A partir de aquí, podemos falar de continuidade e presenza na historia de Corcubión e podemos estudala con datos histórico máis contrastados", expón o historiador corcubionés.

É, naquel intre, cando se potencia o influxo do mar sobre Corcubión.

Corcubión aséntase nunha pequena península cunha costa maioritariamente rochosa

Mudanza do asentamento e relacións coa República de Venecia

Durante a Idade Medias as razzias que chegaban polo mar "provocaron que as localidades costeiras, a modo de protección, buscaran asentamentos máis abrigados", narra Pais. Tal foi o caso de San Andrés da Canle en Corcubión, situada ao pé do monte de San Andrés. Dita circunstancia mudou grazas á decisión de "Diego Xelmírez de crear unha flota no litoral e unha infraestrutura defensiva que outorgaba máis seguridade ao territorio. A partir de aí, con estabilidade defensiva e política a antiga vila de San Andrés da Canle pasa á actual parroquia de San Marcos", onde se empraza a actual capital corcubionesa.

Cando a vila mudou o seu emprazamento, créase o novo templo de culto. Comézase a construír, xa que logo, a igrexa parroquial de San Marcos durante o século XIV e, de novo, o mar vai estar presente neste episodio histórico. Como conta Pais, Corcubión "mantiña bastantes relacións comerciais coa República de Venecia, entón a imaxe do patrón corcubionés, dun importante valor artístico, procede da escola veneciana e foi traída polos seus navegantes".

Na actualidade, a imaxe de San Marcos pode apreciarse no templo parroquial e, recentemente, foi seleccionada como unha das pezas da exposición Galicia un relato no mundo. Anteriormente, tamén estivo presente na mostra Galicia no mundo entre xullo de 1990 e setembro de 1991.




Corcubión na época contemporánea

Como é lóxico, o mar tamén foi o detonante da etapa de maior esplendor da vila corcubionesa. Esta foi, segundo Pais, durante o século XIX "cando se produciu un gran auxe económico e existiu unha pequena burguesía que tiña relacións coa Monarquía española". Os negocios vinculados co mar potenciaron a economía, a cultura e a sociedade do lugar, en concreto unha empresa de carbón propiedade do empresario natal Plácido Castro Rivas, pai do intelectual galeguista Plácido Ramón Castro del Río

Posteriormente, no século XX Corcubión contou cun banco local baixo o nome de Casa da Banca Manuel Miñones Barros. Un dos fillos deste banqueiro, José Miñones, era deputado republicano en Cortes. O político e avogado foi detido polos sublevados "ao baixar do tren en A Coruña e foi fusilado", narra o historiador corcubionés.