Historia de Fornelos de Montes

"Hai un gran conxunto patrimonial, en practicamente un quilómetro e medio, que abarca a Cidade do Alén, o Foxo dos Lobose a neveira, seguidos pola estación de petróglifos"
COMPARTE:
En ocasións, a partir do patrimonio pódese explicar a historia. Por unha banda, as crónicas da historia de Fornelos de Montes dedícanlle un boa cantidade de páxinas á torre de Alemparte, fortaleza situada na actual parroquia de San Lourenzo. A construción pertencía á Casa de Soutomaior, señorío co que o territorio Fornelos de Montes estivo ligado durante moitos anos da Idade Media.

Esta foi atacada polos irmandiños durante a revolta de mediados do século XV e a fortaleza quedou practicamente destruída. Anos despois, Pedro Álvarez de Soutomaior, o famoso cabaleiro feudal galego Pedro Madruga, reconstruíu a torre. A fortaleza está declarada como Patrimonio Histórico, aínda que actualmente o seu estado é ruinoso.

Co paso dos séculos, Fornelos de Montes deslígase dos Soutomaior coa abolición dos señoríos durante o primeiro terzo do XIX. Aínda que a unidade administrativa continuou e englobaba ambos concellos, Fornelos de Montes independízase finalmente do municipio de Soutomaior para converterse en concello propio no ano 1870, formado nese momento por cinco parroquias, Calvos, Estacas, Fornelos de Montes, Laxe e Traspieles as que se incorporarían posteriormente as de Ventín e San Vicente.

 Hoxe, Fornelos de Montes confórmano sete parroquias con 24 núcleos de poboación

Por outra banda, existe outro patrimonio que explica a historia de Fornelos de Montes, neste senso a un nivel máis local. Tal é o caso dos vestixios situados na parroquia fornelá de Estacas. O conxunto patrimonial agrupa os petróglifos do coto do Raposo, os de chan da Remende e os de do coto do Home de Pedra, ademais do foxo dos lobos e a neveira da chan da anduriña. Este patrimonio arqueolóxico e etnográfico, xunto co patrimonio natural da contorna, axudan a escribir o relato histórico da poboación de Fornelos de Montes, baseado nas peculiaridades e circunstancias específicas do corpus patrimonial.

Ademais, Estacas conta coa chamada Cidade do Alén: un conxunto de 39 estruturas con características propias dos túmulos. Un lugar no que aínda "queda moito por investigar" para aportar rigor histórico aos achados e no que "aparecen descubrimentos e riqueza patrimonial continuamente", explica o directivo da Comunidade de Montes Veciñais de As Estacas, José Antonio de la Riera.



.