Historia de Moeche

Subtitulo
COMPARTE:
En ocasións, unha soa figura é suficiente para mudar a historia dun lugar: tal é o caso de José Antonio Muñiz Álvarez quen, grazas á súa mediación, conseguiu que se crease o concello de Negueira de Muñiz (cuxa denominación honra ao seu promotor). Noutras ocasións, unha construción é a encargada de conformar e caracterizar a evolución dunha poboación, o Mosteiro de Oia é un gran exemplo.

A pesar de que en Moeche os primeiros vestixios datan da Idade de Bronce coa presenza de numerosos castros (Abade, Santa Cruz, San Xoán, Vilachave, Labacengos ou Casablanca) é o castelo o que tivo unha influencia decisiva na formación e desenvolvemento do territorio modestino, unha fortaleza que data do século XIV e está situada na parroquia de San Xurxo.

Unha edificación que viviu un momento crucial coa Revolta Irmandiña (1467-1469), que xermolou no contexto da crise da Baixa Idade Media, caracterizada pola fame, as epidemias (peste negra), o descenso demográfico, a escaseza de recursos e produtos agrícolas, a baixa rendibilidade da terra e os abusos da nobreza galega.





Como sinala o técnico da Oficina Municipal de Turismo de Moeche, Ramón José Carballeira, o castelo reedificouse trala Revolta Irmandiña e mudou as súas características: "Máis alto en planta e en altura, mellor construído e mellor fortificado" que o orixinal. O paso das distintas familias propietarias (Castro, Enríquez de Castro, Osorio, Andrade ou Alba), así como a súa función de cárcere (cos alxubes para presos de alto rango situados debaixo da estancia de armas) e o seu posterior abandono, foron conformando os vestixios do castelo actual. Ademais, a evolución histórica non soamente inflúe na condición física da construción senón no seu simbolismo, valores e representatividade.





Co paso dos séculos, a construción "perde progresivamente a súa condición de castelo opresor e, a medida de que se foi abandonando, pérdese esa identificación de presión nobiliaria para adquirir unha identificación xentilicia, é dicir, coa comunidade de Moeche", como explica Carballeira. Isto reflíctese no actual Festival Irmandiño (con 40 anos de antigüidade) que rememora o acontecemento histórico da revolta, representando, fundamentalmente, a través do famoso "Asalto ao castelo". A pesar da evolución histórica, os modestinos recordan con orgullo o seu pasado campesiño en loita contra a opresión; un pasado non tan distante en termos económicos, xa que o sector primario foi e segue sendo un dos trazos característicos da veciñanza.