Historia de Negueira de Muñiz

"Económica e socialmente para un lugar pequeno como é este, o encoro foi desastroso. Deixaron un concello partido ao medio sen ningún tipo de acceso"

COMPARTE:
Ao longo da historia, existiron persoas que cambiaron o mundo. Homes e mulleres que mudaron o relato histórico cara novos capítulos que, obrigatoriamente, deberon recoller os seus nomes para explicar os acontecementos sucedidos. Tal é o caso, por exemplo, de Martín Lutero, o teólogo que inspirou a Reforma protestante provocando un cisma dentro da Igrexa Católica e un período de inestabilidade política, relixiosa e social na Europa do século XVI. Ou do filósofo grego Aristóteles, o home que cambiou o pensamento para sempre e axudou ás persoas a seren lóxicas.

Noutros casos, as mudanzas que provocan algunhas figuras da humanidade teñen unha influenza a moita menor escala que Lutero ou Aristóteles. Así e todo, gardan certa relevancia. Neste senso, a historia do concello de Negueira de Muñiz vai ligada a un destes persoeiros que, coas súas accións, é capaz de alterar o relato histórico. Esa persoa foi José Antonio Muñiz Álvarez (1883-1956), que, como explica Luis López Pombo no seu libro sobre este concello lucense, "co seu valor e tesón nunha loita constante consigo mesmo e, contando co apoio de 287 veciños, logrou conseguir a fin que se propuña, que non era outra que a independencia de Negueira".

Negueira de Muñiz nace como concello independente no ano 1925

Como apunta López Pombo, con 40 anos Muñiz regresou á súa terra natal de Negueira despois de estar emigrado en Cuba e Francia. Unha vez alí, conseguiu unir, durante os anos 1923 a 1925, "aos veciños que entón formaban o val de Negueira en sociedades agrarias", sinala o historiador, e "impulsa en todo o que lle foi posible a cultura entre os seus fregueses". Neste senso, Muñiz logra crear doce colexios e paga unha parte considerable dunha estrada que unía Negueira con A Fonsagrada.

Naquel momento, Negueira de Muñiz pertencía ao concello de Fonsagrada polo que a distancia coa capitalidade municipal e a carencia de boas vías de comunicación xunto co illamento nos meses de inverno provocaron que os veciños, encabezados por Muñiz, loitasen pola independencia. Esta iniciativa converteuse en realidade no ano 1925 cando se produciu a separación administrativa e no 1928 o novo municipio recibiría o nome actual de Negueira de Muñiz, en honra a José Antonio Muñiz Álvarez


Terra de Burón, o primeiro consistorio

Con anterioridade á independencia de A Fonsagrada e como describe López Pombo, "a partir do século XII figura perfectamente organizado o concello de Burón", ao que pertencían A Fonsagrada e Negueira de Muñiz naquela época. Terra de Burón, como así se chamaba, tiña como cabeza xurisdicional a actual parroquia lucense de A Proba de Burón e pertencía ao Conde de Altamira. Esta organización territorial mudou, finalmente, no ano 1833.

A pesar da eiva histórica entres o ano 300 e o 1000 que apunta o historiador, con anterioridade existiu actividade no tocante á cultura castrexa exemplificada en vestixios como castros ben conservados. Neste senso, a presenza romana tamén se fixo notar na zona a través de restos que indican unha actividade mineira.


O encoro de Grandas de Salime, un episodio crítico

Unhas décadas despois de que Negueira de Muñiz alcanzase a súa independencia, produciuse o acontecemento máis delicado da historia do concello. En 1946 comezaron as obras do encoro de Grandas de Salime e a finais do ano 1953 púxose en funcionamento, o que supuxo que as aldeas de Foxo, Vilar, Vilauxin, Cancio e Ernes quedasen illadas do resto del concello. Ademais, non se construíu unha ponte que as unise cos demais lugares polo que, en verbas de López Pombo, "foi unha ruína para esta ribeira".

Por outra parte, moitas aldeas quedaron anegadas e os veciños víronse obrigados a emigrar, especialmente cara a comarca da Terra Chá, deixando a súa vida, as súas terras, os seus recordos e as súas vivendas a cambio de escasas indemnizacións. Neste senso, Mogli Indigo, un veciño de Negueira de Muñiz e estudante universitario en Lugo, expón que "Barcela era unha das aldeas máis ricas da zona, tiña moitas hectáreas de cultivos e incluso se plantaba lúpulo que hoxe en día apenas se ve en Galicia. Ademais, tiña un microclima boísimo porque era un val do río, un microclima mediterráneo e todo o lugar quedou baixo a auga".





A comuna, un estímulo para Negueira de Muñiz

En 1977. fundouse unha comuna en Negueira de Muñiz da man de Julio Villamarín Sueiro, que supuxo un certo impulso poboacional despois do descenso provocado pola chegada do encoro. López Pombo describe os primeiros anos desta comuna deste xeito: "Algúns adquiren casas e vivendas en propiedade, outros pagan algunha renda, e a maior parte son simplemente meros 'okupas'. Aínda que teñen a súa propia organización e as súas 'regras internas', a maior parte deles desenvolven unha vida libre, sendo a súa economía máis ben pobre".

Na actualidade, a comuna xa non está activa pero como describe Mogli Indigo "existe un ambiente diferente en aldeas como Ernes ou Vilar. É xente moi alternativa aínda que cada un búscase a vida como pode pero axúdanse entre eles. Vén xente de Madrid e doutras partes de Galicia así como de Portugal, buscando unha vida alternativa, non depender tanto da sociedade, estar en contacto coa natureza e ter unha vida máis saudable". En relación a isto, Indigo explica que se creou en Ernes unha asociación de produtos ecolóxicos e fan zumes de mazá uva e kiwi e marmelada.