Historia de Oia

"O mosteiro vertebrou durante séculos o que actualmente se coñece como concello oiense"

COMPARTE:
A partir do século XII, a historia de Oia mudou para sempre. O mosteiro da vila comeza naquel intre a súa viaxe a través do tempo e converterá a Oia no concello que é hoxe. A súa influenza estará presente en tódolos aspectos da vida cotiá da vila ata o primeiro terzo do século XIX, cando se produce a Desamortización de Mendizábal. Se París ten Notre Dame, Oia ten o mosteiro, unha construción que conformou e orientou o pasado do lugar e da contorna e situou á vila no mapa mundial.

Anteriormente e como é lóxico, Oia tiña vida. Son abundantes os achados e vestixios prehistóricos na zona como as mámoas e os gravados rupestres, onde destacan os petróglifos galaicos de posible procedencia mediterránea. Tamén é salientable a presenza da cultura castrexa no concello oiense, con numerosos asentamentos como os castros de Chavella, o de Cano dos Mouros ou o da Cabeciña. Tal é o caso que a zona se coñece como Costa dos Castros. Con posterioridade, os romanos deixaron as súas pegadas coa construción de numerosas salinas ao longo do actual concello.





Oia e o mosteiro, unha unión de nove séculos

Na década 1130 aparecen as primeiras referencias escritas que constatan a existencia do mosteiro. No 1185, chegan a Oia os hábitos brancos cando o mosteiro se suma á Orde do Císter. Co paso do tempo a construción tería tamén "unha función como elemento defensivo na costa", como así apunta o historiador Fernando Javier Costas Goberna.



Os anos máis escuros do mosteiro

Coa Desamortización, o mosteiro ve como o seu poder e relevancia comeza a esvaecerse. A principios do século XIX, os xesuítas arrendan a abadía oiense ata que son expulsados de España en 1932. Uns anos despois, durante a Guerra Civil Española (1936-1939), o cenobio converteuse nun campo de concentración de presos republicanos. Costas Goberna xunto con Lorena González e Lucía Álvarez emprenderon unha investigación a partir dos textos e debuxos que se achan nas paredes do mosteiro.

As pescudas materializáronse no libro Con otra mirada. Horror de la Guerra Civil Española en el Monasterio de Oia 1936-1939, no que se aportan cifras dos presos (1.564 a día 8 de febreiro de 1939), a procedencia (o gran continxente chegado ao porto de Baiona), os textos e debuxos deixados polos presos (onde daban contan da súa fame, entre outras cousas) ou mesmo confidencias dos propios prisioneiros e dos veciños de Oia.





O mosteiro na actualidade: na procura da unión co pobo

Despois da Guerra Civil e ata a actualidade, o mosteiro pasa a mans privadas e os propietarios vanse sucedendo. No ano 2004, a navieira Vasco Gallega de Consginaciones merca a abadía ao Banco Pastor por 2,4 millóns de euros. O seu actual director, Xoán Martínez, sinala que "a situación entre o mosteiro e o pobo nunca se atopou tan ben como está agora, xa que hai un recoñecemento de que pode traer cousas positivas ao lugar, a todo tipo de actividades non só de tipo social ou empresarial".



Unha interpretación alternativa da historia

Para algúns dos seus veciños, como Manuel Ángel Pombal, Agustín Alonso é "unha biblioteca andante". A este home nado en Viladesuso encántalle afondar nos documentos históricos e investigar o pasado de Oia. Tal é o caso que Alonso atopou nas súas pescudas e achados persoais pequenas discrepancias coa historia oficial. Aínda así, este veciño de Viladesuso non pretende mudar nada do establecido e comenta, nun ton que denota bondade, que non lle presentou estes datos a ningún historiador. Tan só con ver como Agustín Alonso olla os documentos e textos históricos que garda no seu ordenador, pode apreciarse como este xubilado oiense ama o coñecemento e o rigor histórico.