Historia de Portomarín

"Aínda que é probable que a presenza dos romanos marque a data na que Portomarín comezou a formarse como pobo, non adquiríu en realidade esta categoría ata o impulso definitivo que lle deron as peregrinacións a Compostela"
COMPARTE:
“Ben se podería afirmar que Portomarín sen a ponte romana, o Camiño de Santiago e a Encomenda sería unha vila sen o atractivo señorial, económico, social e cultural que goza na actualidade”, escribe o autor do libro Portomarín: Anacos da súa historia, Ángel Fernández López.

Xa que logo, a historia de Portomarín pode sintetizarse a través da influenza destes tres feitos e, en suma, da presenza do río Miño que, como sostén Fernández López, "proporcionoulle gran beleza, paz sosegada, abundancia de salmóns, troitas, 'peixes' e anguías. Foi durante miles de anos a despensa da vila".

En canto ao seu topónimo, Portomarín provén, en primeiro lugar, do substantivo "portus" ou "porto" que entre os seus significados recolle as acepcións de "costa", "refuxio", "gorxa", "fronteira" e "porta". Ademais, o de "paso obrigado de ponte entre dous puntos separados por un río", definición que se axeita á realidade do concello portomarinense.

En segundo lugar, o topónimo tamén está composto do nome persoal "Marini" que, como recolle Fernández López na súa obra (citando o libro Toponimia Gallega y Leonesa de Fernando Cabeza Quiles), "nada ten que ver co mar" pero si reflicte "o xenitivo latino de antigo dono/posesor do lugar e mesmo do estratéxico paso". Como explica o escritor, desde os primeiros anos da Idade Media, o lugar coñecíase co nome de "Ponte Minei" (Ponte do Miño) pero a partir da segunda metade do século XIII establécese definitivamente o topónimo de Portomarín, derivado de "Portumarini".

Os veciños do concello falan do "Portomarín vello", aquel que quedou asolagado pola construción do encoro de Belesar en 1963. Así e todo, existe un Portomarín moito máis antigo: o primeiro. Aquel que foi poblado polos antepasados portomarinenses que, hoxe en día, cobra protagonismo grazas aos restos arqueolóxicos: as mámoas e os castros como o de Castromaior, o da Vires, o de Bedro, Castrolobrixe, o de Vila ou o de Soengas.



Arredor do século II construíse a primeira ponte de Portomarín, a romana, que, como escribe Fernández López, "era a máis grande de tódalas construídas polos romanos sobre o río Miño. Tiña 11 arcos e, segundo algúns estudosos, medía 152 metros de largo por 3,30 de ancho". Esta edificación foi derruída por orde da raíña dona Urraca en 1112 para interromper o paso do seu marido Alfonso I de Aragón, O Batallador, e, posteriormente, reconstruída por Pedro Peregrino coa axuda da propia monarca que a mandara destruír.

Dez séculos despois do levantamento da ponte, o futuro da terra portomarinense dependeu da Encomenda dos cabaleiros da Orde de San Xoán. Estes asentáronse en Portomarín desde o século XII ata o segundo terzo do XIX. Segundo Ángel López Fernández, esta institución foi a que "se enraizou con máis forza na vila, estendendo a súa área de influencia e poderío a outros lugares de dentro e fóra da provincia".



Fernández López explica que no ano 1835 créanse os concellos de San Xoán de Portomarín e o de San Pedro de Portomarín. A estas novas administracións "asígnanselles competencias sobre ensinanza, sanidade, seguridade cidadá, atención de rede viaria e, en parte tamén, a administración de xustiza, recadación de impostos, etc.", describe o escritor. Posteriormente, o Real Decreto do 8 de marzo de 1836 iniciáronse as medidas de desamortización en España e os bens e o patrimonio da Encomenda foron postos á venda. Remataba, xa que logo, un dos períodos de maior esplendor da historia de Portomarín. Catro anos despois, en 1840, instáurase o concello de Portomarín, tal e como se coñece hoxe, coas súas 20 parroquias. A organización en xurisdicións e Coutos señoriais converteuse en historia.




O anegamento do "vello" Portomarín

No ano 1963 construíuse o encoro de Belesar, que supuxo un cambio drástico na vida dos portomarinenses. A antiga vila quedou sumerxida no fondo das augas e moitos veciños tiveron que mudar de fogar e instalarse no "novo" Portomarín. Como describe Fernández López: "A antiga vila e os seus encantos, as dúas pontes e o que quedaba da romana, os caneiros, as fértiles veigas e moitas viñas quedaban sepultados para sempre debaixo das augas do encoro de Belesar; e as famosas anguías que noutro tempo de abundancia se exportaban salgadas a Castela, quedaban privadas polas presas de Peares e Belesar da súa ruta natural de emigración".

A raíz deste acontecemento tan importante para o devir de Portomarín, produciuse unha das anécdotas máis interesantes do concello. O patrimonio monumental sito no "vello" Portomarín trasladouse ao novo emprazamento e nalgún caso, como o da igrexa de San Nicolao, tamén coñecida como igrexia de San Xoán, o traslado realizouse pedra a pedra. Esta edificación relixiosa foi construída "entre os séculos XII e XIII, polo que pertence ao románico tardío de transición cara o gótico", así o explica a Intérprete do Patrimonio da propia igrexia Sonia Lamela. Por construcións coma esta, o 8 de febreiro de 1946 a vila de Portomarín foi declarada Conxunto Histórico-Artístico.

Como afirma Lamela, a construción está "tipificada como igrexa (polo culto), caixón (pola forma) e fortaleza (coas súas almeas semella un castelo) e posúe "a ábsida máis grande, en canto a dimensión, do románico galego". A raíz do traslado, a actual igrexa está máis soterrada que a anterior e, á diferenza de súa situación anterior, na actualidade non se pode dar a volta completa á construción debido ao seu emprazamento.



Na actualidade, resulta innegable o peso económico, social e cultural que ten o Camiño de Santiago para Portomarín. Como resulta indiscutible a súa importancia histórica desde a Idade Media: "Sen este 'inventio' non habería aquí cabaleiros das ordes de Santiago e San Xoán, nin existiría a rica Encomenda, nin tampouco a gran igrexa fortaleza de San Xoán ou San Nicolao, os hospitais de pobres peregrinos e as casas señoriais. Porque, aínda que é probable que a presenza dos romanos (testimoniada pola famosa ponte) marque a data na que Portomarín comezou a formarse como pobo, non adquiriu en realidade esta categoría ata o impulso definitivo que lle deron as peregrinacións a Compostela", salienta Fernández López.