Actualidade de Baleira

"É necesario aproveitar as características naturais do concello para potenciar o sector turístico"
COMPARTE:
O concello de Baleira sitúase no extremo suroriental de Galicia, na comarca de Fonsagrada encravada nas Serras Orientais. A  poboación baleiresa non para de minguar desde 1940. Ata 1980, produciuse un descenso acentuado e desde ese momento ata a actualidade as cifras decreceron paseniñamente. Baleira perdeu un total de 4.160 veciños desde 1940 ata o 2019, unha perda poboacional que pon en risco o seu futuro.

O director do diario El Progreso, Alfonso Álvarez Riveiro, achega a clave principal do decrecemento dos habitantes desde 1940: a emigración. Álvarez Riveiro destaca un primeira etapa entre os anos corenta e cincuenta, na posguerra, onde os veciños do concello emigraron cara América Latina, "especialmente Arxentina, na zona de A Fontaneira, a zona máis montañosa; no que  é o val, houbo moita xente que foi a Venezuela". A segunda etapa correspóndese cos anos setenta, "cando houbo outra onda migratoria cara o centro de Europa, fundamentalmente Alemaña, Holanda, Francia e tamén Bélxica e Suíza, países desa contorna".

Neste senso, o xornalista emprega o humor á hora de analizar a actualidade do seu concello natal: "Baleira pertence a esa España baleira da que tanto se fala, incluso fai honra ao seu nome pola gran cantidade de poboación que veu perdendo". Ademais, Álvarez Riveiro apunta que no lugar "melloráronse algúns servizos ou perdéronse outros, como é lóxico, pero perdeuse o capital máis importante que pode ter un concello que é o capital humano".



Nota: prema enriba dun ano en concreto se desexa coñecer a poboación baleiresa naquel momento.


Como acontece noutros dos concellos analizados nesta reportaxe, o despoboamento e o avellentamento van da man tamén en Baleira. Así, 599 dos 1.241 veciños que presenta o concello en 2019 teñen máis de 60 anos e, entre eles, 231 posúen unha idade superior aos 80 anos. Fronte a este realidade, o número de mozos de menos de 20 anos tan só chega aos 80 no 2019. Neste senso, en 2017 e 2018 só se produciron 8 nacementos entre ámbolos dous anos (4 e 4 respectivamente).

Ante esta situación de acentuado avellentamento, a terceira idade opta pola xuntanza e gran parte deles involúcranse nas actividades promovidas pola Asociación de Xubilados de Baleira. Unha das asociacións máis numerosas do lugar, o que dá conta da realidade baleiresa.





Nota: pase o punteiro por riba dos círculos para coñecer o número de habitantes.


No tocante á economía, a gandería e agricultura son os motores do concello, mentres que, como asegura o alcalde Baleira Ángel Enrique Martínez-Puga López, "estase desenvolvendo o sector forestal e madeireiro". Así e todo, o responsable político baleirés considera que "as pequenas explotacións teñen o tempo contado" polo que é preciso recorrer á concentración parcelaria para progresar de cara ao futuro. Ademais, Martínez-Puga sostén que é preciso "favorecer á xente que queira investir e emprender" e, neste senso, salienta a importancia da Asociación Montes e Vales Orientais da provincia de Lugo, GDR 3, (que ten como obxectivo ser o motor de desenvolvemento do rural na zona): "É un apoio fundamental e gustaríanos presentar máis iniciativas privadas".



Ante a situación actual, Martínez-Puga e o topógrafo Iván Pereira consideran que o turismo pode ser unha solución viable para fixar poboación e impulsar a economía do concello. Neste senso, o Camiño  Primitivo que provén de A Fonsagrada é un bo exemplo xa que como asegura Pereira "o sector hostaleiro relacionado coa vía creceu, sobre todo, no Cádavo". Neste senso, Alfonso Riveiro vai máis aló e apunta que en Baleira "existe un rexurdir co Camiño Primitivo e coa Ruta Xacobea".

Outra alternativa na que se vén traballando desde hai un tempo é o gran pulmón de Baleira: a fraga de A Marronda. Pereira sostén que "o deporte, sobre todo o vinculado á montaña, vai en aumento e é unha tónica xeral a nivel estatal". Nesta liña, homologáronse recentemente tres rutas: A Marronda, Loras e A Fontaneira. Así o sinala o alcalde baleirés: "É necesario aproveitar as características naturais do concello para potenciar o sector turístico".