Actualidade de Laxe

"Na vida laboral do mar non tes horario"
COMPARTE:
O intelectual ourensán Ramón Otero Pedrayo escribe no seu libro Ensaio histórico sobre a cultura galega que "sempre unha silueta de barco cruza ao fondo dos momentos máis importantes da historia -a íntima e a aparencial- de Galicia". Esta mesma afirmación poderíase empregar para definir a realidade de Laxe: vila mariñeira, imposible de entender sen o mar, a pesca e, como non, os barcos.

Un claro exemplo desta circunstancia é a familia Villar Vidal, na que catro dos sete irmáns levan traballando xuntos como sociedade, a máis vella de Laxe, no mesmo barco desde hai máis de trinta anos. A tradición mariñeira dos seus devanceiros propiciou que agromase neles o amor polo mar xa desde mozos: "Eu comecei no mar con 14 anos, estaba na escola e xa quería escaparme", relata o menor deles, Raúl Villar. "Nós nas venas non temos sangue, temos salitre", sentencia.

O mar é o piar económico fundamental para moitas familias de Laxe

"Traballar cos meus irmáns é unha marabilla, somos unha familia moi unida, grazas a Deus, e estamos aí para o que faga falta. Traballar con eles non o cambio por nada do mundo", conta Raúl Villar. Esta especie de irmandade existente entre eles é visible con tan só achegarse á cervexería Vila, rexentada por persoas da súa familia.

Nela, os irmáns acoden despois de longas xornadas de traballo que comezan moi cedo pola mañá, sobre as cinco, e nunca saben, por adiantado, cando rematan. Cando se lle pregunta polo seu traballo, Manuel Villar, outro dos irmáns e patrón maior da Confraría de Pescadores Laxe, contesta con enerxía e devoción, preocupado polos problemas que afectan á pesca hoxe en día: as cotas establecidas pola Unión Europea, o inexistente relevo xeracional e a escasa demanda de emprego.

Se ben é certo, a pesca segue sendo un dos principais motores económicos do concello de Laxe, con cerca 150 socios de pesca de baixura e ao redor de 60 de Recursos Específicos entre pescadores e mariscadores, ademais de 50 barcos censados.





Entre outros motivos, a pesca en Laxe non atopa mariñeiros debido ao descenso poboacional no municipio. Desde o ano 2000, o concello laxés perdeu algo máis de 500 habitantes, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Ademais, a cifra de censados xa viña minguando de forma progresiva desde antes do cambio de século, unha circunstancia que sitúa á vila nunha posición complicada de cara ao futuro.



Nota: prema enriba dun ano en concreto se desexa coñecer a poboación de Laxe naquel momento.


Por outra parte, máis da metade da poboación englóbase dentro da capitalidade do concello, en Santa María de Laxe, o que provoca un despoboamento máis acentuado no resto de parroquias como Sarces ou Serantes. A esta problemática engádese o avellentamento xa que case o 40% dos veciños teñen máis de 60 anos, e o concello tan só presenta 373 mozos de menos de 20 anos.




Nota: pase o punteiro por riba dos círculos para coñecer o número de habitantes.


Para confrontar esta situación negativa, os veciños de Laxe confían o seu futuro ao turismo, sobre todo aos servizos relacionados con el coma a hostalería, un dos motores económicos do concello. Para conseguilo, aproveitan a beleza paisaxística da súa contorna, coas súas fermosas praias como a de Traba ou a dos Cristais, xunto coa súa riqueza gastronómica e cultural.

Desde as institucións públicas da vila son conscientes da situación e procuran unha mellora dos servizos e da calidade de vida co fin de fixar poboación e impulsar o sector turístico.