Actualidade de Negueira de Muñiz

"O principal reto é a supervivencia"
COMPARTE:
Negueira de Muñiz sitúase no extremo oriental de Galicia, limitando co Principado Asturias e rodeado polo seu territorio. Este concello lucense pertence á comarca da Fonsagrada e caracterízase por ser o municipio máis pequeno, a nivel poboacional, dos 313 que conforman o territorio galego. Negueira de Muñiz pechou o ano 2019 con 215, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, e, polo tanto, ten unha misión clara de cara ao futuro próximo: non desaparecer.



Nota: prema enriba dun ano en concreto se desexa coñecer a poboación de Negueira de Muñiz naquel momento.


A construción do encoro de Grandas de Salime nos anos cincuenta provocou un éxodo, sobre todo cara á Terra Chá, que fixo que o concello pasase dos 1.424 habitantes en 1950 aos 590 en 1970. O despoboamento do concello continuou paulatinamente ata a actualidade e que sitúa a Negueira de Muñiz nun punto crítico, ao igual que moitos concellos galegos víctimas do despoboamento.

Neste senso, o alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña, considera e asume que "a xente non quere vivir no rural" pero pensa que "hai que ir máis aló" para comprender os motivos: "Por que non quere a xente vivir no rural? Penso que é un proceso sociolóxico profundo e que leva moito tempo profundamente arraigado no interior da xente. Antes, os pais querían que os fillos estudasen e fosen persoas de proveito e marchasen do rural". Así e todo, o responsable político do concello lanza unha pregunta: "Pero, é realmente máis proveitoso vivir na cidade que na aldea?".

Ante a cuestión de como combater o despoboamento, Braña responde que "esa é unha gran pregunta que moita xente neste país estase facendo; e falta facía". O alcalde de Negueira de Muñiz explica que as administracións públicas e os políticos, entre os que se inclúe, deberían acometer medidas reais para coidar o rural e paliar o despoboamento: "Eu non estou en contra de que se fagan grandes obras nas cidades e son consciente da súa repercusión económica, social ou cultural pero nós pagamos os mesmos impostos que a xente das cidades. Así que deberiamos ter os mesmos servizos ou, cando menos, ter asegurados uns servizos mínimos".




Nota: pase o punteiro por riba dos círculos para coñecer o número de habitantes.


Case o 90% da superficie do concello de Negueira é monte, polo que gran parte da súa economía depende da explotación madeireira. Esta realidade obsérvase nada máis poñer un pé no lugar: a estrada de montaña que descende cara á capitalidade do concello presenta, en ámbalas dúas beiras, un frondoso monte repleto de piñeiros e outras árbores.

A vexetación é a gran protagonista na paisaxe de Negueira de Muñiz

Así e todo, os veciños están buscando novas saídas como a viticultura ou outros produtos ecolóxicos como zumes e, por outra parte, o turismo pode ser outra vía de rexurdimento para Negueira de Muñiz, como explica Braña. Neste senso, o alcalde menciona o proxecto da senda do Navia, unha iniciativa de 16 municipios, sete lucense e nove asturianos, que ten como obxectivo crear e promocionar unha ruta desde o nacemento do Navia ata a súa desembocadura no mar Cantábrico no concello asturiano de Navia.

En Galicia, os sete municipios implicados son Negueira de Muñiz A Fonsagrada, Navia de Suarna, Becerreá, As Nogais, Cervantes e Pedrafita do Cebreiro, unha iniciativa que Braña considera importante nunha época na que o sendeirismo está tan en voga.





 A Fonsagrada, un veciño indispensable

Negueira de Muñiz ten unha gran dependencia do concello veciño da Fonsagrada, así o reflicten as verbas do responsable político do municipio: "O lugar que Negueira de Muñiz ten hoxe como referencia é A Fonsagrada. Alí áchanse a oficina de Extensión Agraria, o centro de saúde, a farmacia ou os comercios; se queres mercar un quilo de arroz tes que ir a A Fonsagrada, ou se precisas un bolígrafo para escribir algo, ou unhas puntas para arranxar algo na casa".

Na capitalidade de Negueira de Muñiz só se atopan dous bares, Casa Sara e Casa Vizcaín, e non existe ningún supermercado. Polo tanto, os veciños vense obrigados a acudir a municipios próximos e acostuman a recorrer a A Fonsagrada. Así e todo, a comunicación con estoutro concello lucense non é moi boa xa que os une unha estrada característica da montaña que os separa nuns 30 minutos en coche.

Con todo, o alcalde de Negueira de Muñiz non ve con bos ollos unha proposta de fusión de concellos como unha posible solución: "Non me parece que os veciños estean mellor nun concello máis grande. A Fonsagrada ten o mesmo problema de despoboamento ca nós pero con moito máis territorio baleiro, para que quere ter máis territorio e tamén baleiro. Ademais, Negueira de Muñiz é economicamente sostible". Nesta liña, o responsable político do municipio recorda a fusión de Oza-Cesuras no 2013 e opina que "nin os veciños de Oza nin os de Cesuras están mellor agora que antes".

O concello de Negueira de Muñiz é un dos que mellor representan o despoboamento do rural

Braña conta que a chegada do encoro de Grandas de Salime trouxo consigo mudanzas meteorolóxicas causando máis néboa, sobre todo, e un incremento do frío e da humidade. Incluso fala de que os que viven no fondo do val pasan días sen ver o sol por completo por culpa da néboa, o que "repercute no estado anímico da xente". No futuro de Negueira de Muñiz a néboa tamén está instalada, unha brétema que dificulta a visibilidade dun porvir axeitado para os veciños.

Así e todo, esa neboeira esvaécese de cando en vez e o sol trae boas novas. Recentemente, o colexio de Negueira de Muñiz abriu de novo as súas portas despois de pechar no curso 2011-2012. Grazas á natalidade dalgunhas zonas do concello, o futuro semella máis nítido. Tamén grazas a agrupacións como a Asociación de Mulleres do Rural que intenta combater o despoboamento e procurar solucións desde o ámbito social e comunitario ao illamento.