Actualidade de Oia

"O noso obxectivo é volver a poñer a Oia no mapa"
COMPARTE:
O mosteiro de Oia conseguiu durante a súa etapa de esplendor situar en grande no mapa da Península Ibérica a este concello pontevedrés. Co paso do tempo, tanto a importancia de Oia como a do mosterio minguou. Se ben é certo, os veciños do lugar pelexan na actualidade por que o concello oiense recupere o seu brillo e a súa fama, como afirma a alcaldesa do municipio, Cristina Correa: "O noso obxectivo é volver a poñer a Oia no mapa".

Unha das claves para conseguir este propósito é, sen dúbida, o mosteiro. A abadía é "o buque insignia do concello", como apunta o vicepresidente da Asociación Costa dos Castros, Manuel Ángel Pombal. Co discorrer dos anos, a construción foi mudando de donos ata atoparse a día de hoxe en mans privadas, en concreto como propiedade de Vasco Gallega de Consginaciones. O fin desta adquisición, tal e como lembra o seu director Xoán Domínguez, era "continuar co proxecto que tiña o Banco Pastor e rehabilitar o mosteiro como hotel".

O mosteiro de Oia é o sinal de identidade do concello

Esta circunstancia xunto con outras iniciativas culturais e sociais desenvolvidas polo mosteiro poden facer que "a nivel local a propiedade sexa un motor e un referente unidos coa veciñanza, o concello e a política local e rexional", sostén Domínguez. Neste senso, Correa e máis Domínguez opinan dun xeito semellante: coa colaboración de todos estes axentes políticos e sociais pode reverterse a situación do medio rural galego, caracterizada polo despoboamento e a baixa oferta de emprego.

Outro dos factores a ter en conta para recuperar o esplendor de Oia achégao Pombal: "o mosteiro é o elemento patrimonial máis coñecido, do que hai máis bibliografía, pero é certo que este concello ten outra serie de valores, tanto arqueolóxicos e naturais". Con ese fin a súa asociación creou a chamada Ruta Máxica, unha iniciativa para impulsar o turismo e dar a coñecer o patrimonio de Oia:  petróglifos, castros, bosques, paisaxes, festexos, lendas, etc.

Nesta liña, tamén se intenta fomentar o sector turístico co chamado Camiño Portugués da Costa ou Camiño Monacal, unha variante da ruta xacobea que comeza en Porto (Portugal) e continúa por Redondela, atravesando Oia, onde enlaza co Camiño Portugués e que foi recoñecido oficialmente pola Xunta de Galicia en 2016.

O dono do albergue Aguncheiro de Mougás (Oia), Javier Fernández, conta que comezou a facer o establecemento en 2009 para "ofrecer unha pernoita económica ao estar Oia ao carón de Baiona, ademais viñan surfeiros aquí e seguen vindo". Aínda que o camiño homologouse en 2016, os peregrinos xa o facían desde 2010, explica Fernández. Isto supuxo un impulso para Oia e para o seu negocio, que no primeiro ano rexistrou 300 pernoitas e este último "cerca de tres mil e pico, case 4.000".

No tocante á nacionalidade dos peregrinos que se achegan ao albergue Aguncheiro, o dono explica que "os españois non significan nin o 3%, aquí normalmente veñen alemáns, moitísimos, checos, coreanos e polacos". "O ano pasado a campaña rematou en novembro, comezamos en abril e ata novembro o albergue estivo cheo tódolos días", relata Fernández en cuestión de estacionalidade. Xa que logo, esta variante do Camiño de Santiago estase a converter nunha solución de futuro para Oia.

O concello de Oia é un dos enclaves polos que pasa o Camiño Portugués pola Costa

Oia caracterízase pola súa dicotomía de mar e monte, por ser un territorio do litoral galego cunha gran presenza de territorio montañoso, a serra da Groba. Xa que logo, outra das claves para que Oia brille áchase no monte. Como explica o presidente da Comunidade de Montes de Mougás, Venancio Miniño, Oia "ao non ter porto e ser mar aberto nunca tivo unha vinculación clara co mar".

Neste senso, Miñino describe que "Oia ten 6.120 hectáreas de monte veciñal e, a día de hoxe están infraexplotadas xa que este número de hectáreas tiña que garantir o traballo a cento e pico persoas. Creo que segue habendo un gran percorrido". "O Camiño Portugués da Costa está claro que vai ser un pulmón, un motor económico importante, a pesca xa o é, máis que a pesca o marisqueo de percebe, e o monte quizais é a terceira pata, deberiámoslle dar un volta e xerar máis movemento económico e emprego arredor del", sentencia o veciño de Mougás.

Xunto con todos estes impulso e iniciativas, é preciso que se cumpra un obxectivo primordial: fixar poboación. Oia é un deses pequenos concellos galegos que sofren o despoboamento (aínda que non presenta unha gran caída poboacional desde o século XX) e debe pelexar contra esta realidade para acadar un futuro solvente e próspero. Despois de perder poboación desde 2008 ata 2015, Oia recuperouse nos últimos 4 anos e os seus veciños crecen ano a ano, un aumento necesario para cumprir as súas expectativas.



Nota: prema enriba dun ano en concreto se desexa coñecer a poboación oiense naquel momento.


Esas dúas realidades de mar e montaña que cohabitan en Oia, tamén se ven reflectidas na conformación e no estado actual das súas parroquias. As da costa, Oia, Mougás, Viladesuso e Pedornes, presentan unha maior poboación e un menor despoboamento. Ademais, moitas das iniciativas anteriormente mencionadas desenvólvense na súa meirande parte a carón das parroquias da zona costeira.




Nota: pase o punteiro por riba dos círculos para coñecer o número de habitantes.


En xullo de 2019, o concello de Oia creou unha concellería da Felicidade, a primeira de España. Cristina Correa explica que "cada un busca a súa felicidade particular" e "desde o concello podemos crear instrumentos, fomentar voluntariado e levar a cabo actividades que permitan que os motiven para minimizar a soidade ou situacións de desgana, que hai moita na adolescencia". A felicidade e a motivación son aspectos chaves para que cada persoa creza individualmente e tamén como comunidade. Por outra parte, a alcaldesa de Oia recorda a importancia de continuar mellorando os servizos do concello, que ás veces se ven lastrados pola gran dispersión que existe en Oia.





O sentir parroquial

O veciño de Pedornes Manuel Ángel Pombal sinala que "tradicionalmente as actividades nas que participaban os veciños eran dentro da parroquia, calquera cousa relacionada co monte, co regadío, cos muíños ou coas mallas. Non só iso, tamén había rivalidades". A importancia das parroquias é vital en Oia e case que no conxunto do territorio galego. Ninguén di que é de Oia senón de Pedornes, Mougás ou Viladesuso.

Esta circunstancia, xunto coa dispersión existente no concello, provocou historicamente certas diferenzas na forma de ser e incluso na fala dos veciños de Oia segundo a súa parroquia de nacemento e a situación xeográfica da mesma (na costa ou no interior do municipio oiense). Na actualidade, esta realidade mantense, aínda que non dun xeito tan marcado, e as parroquias son as que conservan e fomentan a unión entre os fregueses. Tal é o caso que as Asociacións de Veciños son as encargadas de manter vivas moitas tradicións e impulsar os distintos lugares que conforman Oia, como por exemplo a agrupación veciñal de Mougás.