Actualidade de Riós

"Os gandeiros temos que ser os donos dos medios de produción e temos que acceder aos mercados"

COMPARTE:
En Riós existe un empresario que non ten competencia: o castiñeiro. No concello orriolense case tódalas familias recollen castañas. Mentres que para algunhas supón un complemento económico,  para outras é a súa fonte principal de ingresos. Durante a primeira metade do século XX este froito tiña como finalidade o autoconsumo e a alimentación do gando pero a partir dos anos sesenta comezouse a comercializar. Co paso do tempo, a castaña converteuse no motor económico máis importante de Riós, en detrimento da agricultura e a gandeiría.




A gandería, unha alternativa sostible á castaña

A cooperativa Biocop, cuxo responsable é José Luís Vaz, intenta impulsar a economía de Riós a través dunha gandería ecolóxica extensiva en torno ás razas cachena, caldelá, limiá, freiresa e vienesa. Neste senso, Vaz considera que para evitar o despoboamento acelerado do rural galego "hai que dotalo de ferramentas". "O primeiro, as ganderías teñen que ser máis dimensionadas nestes tempos de competitividade e globalización. Despois, os gandeiros temos que ser os donos dos medios de produción e temos que acceder aos mercados, nacionais ou internacionais", enumera o veciño de Riós como medidas para reverter a situación.



A pesar desta puxanza económica que supón a castaña xunto coa achega e as novas ideas do sector gandeiro, o concello de Riós experimenta un decrecemento continuado da súa poboación desde finais do século XX. Dende o ano 1990, este municipio ourensán perdeu cerca de 3.000 habitantes, polo que fixar poboación resulta ser unha tarefa ardua. Neste senso, a emigración supuxo unha sangría demográfica a partir dos anos corenta e cincuenta: primeiro a América Latina, despois a Centroeuropa e por último a outras comunidades españolas como Madrid, Cataluña ou o País Vasco.



Nota: prema enriba dun ano en concreto se desexa coñecer a poboación orriolense naquel momento.



Xunto coa problemática do despoboamento aparece outra común á provincia ourensá e a concellos próximos como A Mezquita: o avellentamento. En Riós, tan só 90 veciños dos 1.516 rexistrados en 2019 teñen menos de 20 anos, mentres que 689 presentan unha ideade superior a a 65 anos (un 45,44% do total da poboación orriolense). Esta realidade afoga ao municipio e pono nunha situación crítica, cun futuro que, se todo continúa así, tende á desaparición.




Nota: pase o punteiro por riba dos círculos para coñecer o número de habitantes.


No presente, as cidades engloban e atraen continuamente á maioría da poboación. Para reverter esta situación, desde o Goberno Central creouse en xaneiro de 2020 un ministerio que inclúe o Reto Demográfico, cuxa responsable é Teresa Ribera. Así e todo, o alcalde Riós, Francisco Armando Veiga, considera que é difícil combater cunha mentalidade de afincarse nas grandes urbes cada vez máis enraizada na sociedade contemporánea.