Actualidade de Fornelos de Montes

"Temos unha potencia enorme que vender como é o patrimonio"
COMPARTE:
A presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro de A Laxe, Carmen Carreiro, sinala que: "Fornelos de Montes ao igual que os concellos lindeiros tivo dende sempre un elevado porcentaxe de emigración, primeiro a Lisboa e despois cara ao Brasil, pero o despoboamento mais importante dáse a partires dos anos 70 e 80, co desprazamento migratorio cara á Vigo, aproveitando o auxe industrial das navieiras e de Citroën, e a perda de poboación persiste". Con todo, o decrecemento do número de habitantes debido á emigración non experimentou unha baixada poboacional brusca como en outros concellos analizados (por exemplo: Baleira). Fornelos de Montes, pola contra, si presentou unha diminución paulatina dos seus veciños aínda que, puntualmente, existen anos nos que a poboación aumentou.



Nota: prema enriba dun ano en concreto se desexa coñecer a poboación fornelá naquel momento.


En canto ao avellentamento, Fornelos de Montes non se atopa nunha situación crítica, como algún dos outros concellos desta reportaxe, pero si moi complicada: o 40% dos veciños teñen máis de 60 anos. O retorno da emigración neste concello pontevedrés motivou aínda máis esta circunstancia, xunto coa marcha de moitos forneláns cara grandes cidades como Vigo na procura de traballo.



Nota: pase o punteiro por riba dos círculos para coñecer o número de habitantes.


Se ben é certo, Fornelos de Montes goza de bos servizos (vén de incluír un ximnasio e unha pista de pádel aos que xa contaba) e boas redes e vías de comunicación. Neste senso, o seu emprazamento xeográfico sitúao a unha distancia curta de grandes cidades galegas como Vigo (a uns 30 quilómetros) ou Pontevedra (a uns 26 quilómetros).

Esta circunstancia propicia que algúns veciños traballen nestas urbes e vivan en Fornelos de Montes ou ben, outros opten por ter unha residencia para a fin de semana ou para verán no concello fornelán. Xa que logo, Vigo e Pontevedra supuxeron historicamente problemas poboacionais para Fornelos de Montes pero, actualmente, a súa proximidade permite que se manteñan certos vínculos da xente natal.



Patrimonio e turismo unidos para impulsar o concello

Como sinala o directivo da Comunidade de Montes Veciñais de As Estacas, José Antonio de la Riera, en Fornelos de Montes "non virán grandes empresas nin polígonos industriais pero temos unha potencia enorme que vender como é o patrimonio; non é a panacea pero pode axudar moito".

De la Riera refírese ao patrimonio natural, realidade que eloxian moitos veciños debido á fermosura e tranquilidade da contorna, así como o patrimonio arqueolóxico e etnográfico que se acha na parroquia de Estacas. Coa mesma decisión e ansia coa que Pedro Madruga reconstruíra a Torre de Alemparte de Fornelos de Montes durante a Idade Media despois de ser ataca polos irmandiños, agora os veciños intentan recuperar todo o patrimonio do concello mediante tarefas de limpeza e voluntariado.

Neste senso, o directivo destaca a implicación e sensibilidade dos habitantes do lugar pero advirte que impulsar "o patrimonio certamente non é doado xa que se lle busca unha rendibilidade inmediata e é imposible pero saber que temos un legado aquí e que se pode aproveitar, cremos que é lícito facelo para darlle un impulso ao rural que senón non pasa de ser un deserto verde".

Así e todo, De la Riera solicita máis "sensibilidade" por parte das administracións públicas xa que asegura que están traballando en "soidade", aínda que é consciente das circunstancias: "O que non fagamos nós, ninguén vai vir aquí a solucionarnos nada". Unha vez que o impulso está dado polos veciños en materia de patrimonio e da súa dignificación, o veciño de Estacas insta a que os organismos públicos de goberno a que "lexislen especificamente para o rural" xa que "ten necesidades moi distintas ás que teñen as cidades".

O embalse de Eiras é responsable do abastecemento de auga de parte da comarca de Vigo

Outro aspecto turístico de Fornelos de Montes co que se desexa estimular a economía é a Vía Mariana, un itinerario antigo que transcorre por santuarios desde Braga ata Muxía e que xa está sendo frecuentado por peregrinos estranxeiros, segundo afirma De la Riera. Nesta liña, o alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, considera que a Vía Mariana pode ser un bo recurso "a longo prazo e no que hai que seguir traballando pero aínda está verde, precisa sitios para durmir".

Se ben é certo, a climatoloxía no lugar non é unha boa acompañante para o turismo: "Sempre saímos na televisión polo moito que chove en Fornelos de Montes", recorda, entre risas, o alcalde do concello. O municipio pontevedrés é un dos máis chuviosos de Galicia: "Din os entendidos que cando se crean as nubes polas Cíés, atópanse coas montañas do Suído e aí comezan a descargar, por iso en Fornelos de Montes chove moito, continuadamente e con grandes precipitacións", describe Lage.

As iniciativas patrimoniais e turísticas descritas pretenden un crecemento económico do concello e a fixación de poboación pero tamén algunhas agrupacións buscan a unión como pobo para que Fornelos de Montes non se esvaeza, tal é o caso da Asociación Concilio de Portalén.