Cultura de Laxe

Ai que orgulloso me sinto ser de Laxe mariñeiro!
COMPARTE:
Por iniciativa de Manuel Toja, coñecido en Laxe como Piticas, fundouse hai uns anos un grupo de música chamado O tren da unha. Esta banda alberga no seu repertorio numerosas cancións que teñen a Laxe e a Costa da Morte como protagonistas, temas cunha clara intención reivindicativa e de dignificación do local, do propio. Un deses cantares é Este Laxe mariñeiro, que se converteu nun dos máis representativos e recordados do concello laxés.

Un día pola mañá saín a dar un paseo,
sinto piar aos paxaros no campo de Espiñeredo.
Vou seguindo a Corredoira e séntome en Santa Rosa,
póñome a mirar para abaixo, vaia vista máis fermosa!
Estás pegadiño á praia, de lado porto pesqueiro
ai que orgulloso me sinto ser de Laxe mariñeiro!

Estas frases da canción amosan a importancia e a relación entre a música e o mar, entre a música e a pesca, entre a música e os mariñeiros. Isto é, como sinala o profesor de música na Escola Municipal de Laxe, Víctor Manuel García, "a música e o baile é algo que está moi arraigado nos lugares costeiros". En Laxe, o mar apórtalle á música o lirismo necesario para elevala aínda máis como arte e como forma de expresión do pobo.





A música tamén é un símbolo de unión entre a xente. En Laxe converxen moitas agrupacións de música entre corais, banda de gaitas ou mesmo grupos de rock que intenta compartir inquietudes e xuntarse de cando en vez para crear pero tamén para distraerse. Deste xeito agroman vínculos que, nalgúns casos, chéganse a definir como familiares debido ao forte arraigo entre os membros dos grupos e a querenza que comparten por dúas realidades: a música e o seu lugar natal.






Un sabor lírico

O dicionario da Real Academia Galega define sinestesia como a "figura retórica que consiste na asociación de dúas palabras relativas a dominios sensoriais distintos". En Laxe este termo pódese empregar para definir a súa gastronomía: sabor lírico, gusto afinado ou melódico. O concello laxés caracterízase pola calidade dos seus pratos de peixe e marisco, típicos das zonas mariñeiras onde reina a famosa caldeirada. A maioría dos veciños, como o dono do restaurante O Náutico, Roberto Barcia, recordan ese esa melodía que para eles é a caldeirada e que tanto lles gustaba cando eran pequenos. Na actualidade, esa tradición culinaria e acervo cultural tamén é pretendido por aquelas persoas que se acercan ao concello de visita.

Non me canso de mirar a túa ría agarimosa,
cabo de chans Besugueira a cote vai a Tiñosa.
Xa vexo saír as lanchas, Deus queira que teñan sorte!
E traian o mellor peixe de toda a Costa da Morte
Estás pegadiño á praia, de lado porto pesqueiro
ai que orgulloso me sinto ser de Laxe mariñeiro!





Despois de ver moitos pobos, percorrer o mundo enteiro
o máis fermoso eres ti, ai meu Laxe mariñeiro!.
Acabouse a emigración, estou contento voltar
púxente tanto de menos, non penso deixarte máis.
Estás pegadiño á praia, de lado porto pesqueiro
ai que orgulloso me sinto ser de Laxe mariñeiro!
Estás pegadiño á praia, de lado porto pesqueiro
ai que orgulloso me sinto ser de Laxe mariñeiro!

Así remata a canción de Este Laxe mariñeiro. Ese "non penso deixarte máis" é o sentir de gran parte dos habitantes pola súa terra, por Laxe. Unha querenza que se transmite á súa cultura local, á música e á gastronomía. Un patrimonio que non queren perder e pelexan por salvagardar.