Cultura de Oia

"Aquí temos a historia máis potente do cabalo galego na civilización"

COMPARTE:
Evaristo Martínez, veciño de Mougás, recorda que de mozo xuntábase cunha ducia de rapaces do lugar no Centro Cultural de Mougás e subían ao monte, á serra da Groba: "Comiamos unha chouriza e pasabamos o día". Pero non soamente era comer e xuntarse, tamén acudían para estar en contacto cos cabalos, cos garranos como se lles denomina na zona, e cos que Martínez está profundamente namorado. Estes animais, coñecidos oficialmente como cabalos de pura raza galega, críanse e viven en liberdade e son toda unha tradición e un patrimonio en Oia.

Martínez, que é propietario duns 20 cabalos criados en liberdade, menciona con orgullo a festividade que existe arredor destes animais: o curro. Celébranse na contorna tres curros en verán, entre xuño e principios de agosto, que son o curro de Mougás, o de Valga e o de Torroña. Os propietarios reúnense pola mañá e acoden ao monte e comezan a dirixir aos cabalos cara ao curro. Unha vez dentro, paran para comer en tenderetes montados por eles mesmos, aínda que tamén hai postos de comidas para celebrar a festividade. Á tarde chega o momento esperado, a xente reúnese en torno ás paredes do curro para ver como rapan aos cabalos.

O curro de Mougás fórmano unhas 400 cabezas

Aínda que está tradición está moi arraigada, Martínez explica que "cada vez hai menos gandeiros xa que o beneficio para o propietario é nulo e os custes elévanse, sobre todo coa norma de do microchip para os cabalos que vale uns 20 euros. Por este motivo, moitos gandeiros manifestáronse e outros optaron por abandonar a actividade, conta o veciño de Mougás.

Por outra parte, Martínez lamenta o decrecemento de asistentes á festividade e recorda que no pasado era un gran festexo para Oia, aínda que na actualidade o sigue sendo, e os seus veciños. Así e todo, a veciña de Mougás Josefina Teruel conta que os curros son unha tradición conxunta entre todas as parroquias de Oia, un festexo que as une.

Así e todo, o seu amor polo cabalo e polo curro compénsalle. Un amor que provén dos seus devanceiros ao igual que acontece co responsable da Asociación Finca Moreiras, Adrián Martínez. A súa paixón por estes animais levou a este mozo oiense a crear esta agrupación co fin de protexer aos cabalos desta raza galega xa que se atopan en perigo de extinción e impulsar actividades arredor deles.




Oia, dicotomía mar-montaña

A paisaxe do concello oiense caracterízase por un contraste acentuado. O mar, bravo e sen presenza de praia, na parte occidental de Oia dá paso cara á montaña, a serra da Groba, segundo nos desprazamos cara o leste e ao interior da provincia de Pontevedra. Esta dicotomía pódese apreciar a través da chamada Ruta Máxica, unha iniciativa promovida pola Asociación Costa dos Castros e que bordea a montaña pasando por miradoiros, ríos ou os castros de A Cabeciña e Cano dos Mouros.

A paisaxe montañosa de Oia contrasta coa proximidade do mar

O vicepresidente da asociación e activista cultural local, Manuel Ángel Pombal, salienta que esta iniciativa "partiu dos veciños" e explica que "os valores arqueolóxicos, patrimoniais e culturais estaban sen explotar e era algo que había que amosar ao público xeral".





A Semana Cultural 

No concello de Oia existen dúas Semanas Cultuarais moi especiais para os veciños e que teñen unha gran afluencia de público, a de Mougás e a de Pedornes. Ámbalas dúas programan numerosas actividades de gran variedade e para tódalas ideas e nas que conflúen habitantes de tódalas parroquias e tamén da contorna do municipio.



Nunha das semanas culturais da parroquia de Pedornes, o veciño do lugar José Antonio Pérez observou como nunha das actividades un rapaz impartía un curso sobre escultura en pedra. Pérez interesado pola arte que presenciaban os seus ollos comezou a esculpir pezas propias aprendendo dun xeito autodidacta. Este é un bo exemplo do clima e das posibilidades que poden crear este tipo de festexos.