Fala de Fornelos de Montes

"A ausencia de seseo caracteriza ao concello fornelán fronte ao resto das áres do bloque occidental"
COMPARTE:


Fornelos de Montes é un concello pontevedrés situado no centro da provincia limitando polo leste co municipio ourensán de Avión e pertencente á comarca de Vigo. En termos lingüísticos, Francisco Fernández Rei no seu libro Dialectoloxía da lingua galega encadra a Fornelos de Montes na chamada área pontevedresa, concretamente na subárea do Verdugo e a microsubárea Redondela-Mondariz.

O membro da comisión de Toponimia e académico correspondente da Real Academia Galega, Gonzalo Navaza, explica que "na división convencional de Francisco Fernández Rei forma parte do bloque occidental ten de particular, dentro dese bloque, unha cuestión que afecta á cuestión do seseo. Hai unha área dentro do bloque occidental que chega a Redondela, ao extremo da ría de Vigo, onde non existe seseo. Iso caracteriza a Fornelos de Montes respecto ao resto das áreas do bloque occidental".

Ademais, Navaza afirma que "se o comparamos co galego estándar, que é un galego convencional que non reproduce a fala de ningún lugar concreto, pois achégase moito ao galego estándar, quitando cuestión de tipo morfolóxico como irmán / irmá que eles téñeno invariable: irmán / irmán".

Por outra parte, Fernández Rei enumera na súa obra unha serie de características lingüísticas propias da zona de Fornelos como:

  • Terminación -che (fronte a -ches) da segunda persoa do singular do Pretérito Perfecto, como por exemplo cantache en vez de cantaches.
  • Verbo pór (e pomos, puña, porei...) maioritario respecto de poñer.
  • Arquilexema mirar, maioritariamente.
  • Ditongo ui (muito, truita), oi (noite, oito), oi / ou (coiro / couro)

Na área pontevedresa especialmente no oeste e no sur, son características as formas avò, por avòa e móa. Así e todo, Gonzala Navaza, especialista en toponimia explica que en Fornelos de Montes existe un lugar denominado "A Airoa, o cal é moi significativo, é diminutivo de eira ou aira mediante ese sufixo -oa, que noutras zonas do galego occidental, sobre todo suroccidental como Oia, redúcese a -o, é dicir: airó ou eiró".

No tocante ao uso do galego, os datos oficiais máis recentes do Instituto Nacional de Estatística (IGE), amosan que na área de Vigo, á que pertence Fornelos de Montes, tan só o 25,50% das persoas fala "en galego sempre ou máis galego que castelán. Así e todo, as cifras amosan que entre o 60-80% da poboación de Fornelos de Montes é falante de galego como primeira lingua, segundo un estudo de 2011 do Instituto Nacional de Estatística (IGE). Polo tanto, as cifras a nivel municipal contrastan coas da área; isto débese a que nesta demarcación territorial englóbanse concellos como Vigo que contaminan o resultado final xa que tan só o 3,85% dos enquisados nese municipio fala galego sempre e o 11,36% máis galego que castelán.