Fala de Oia

A área dialectal do concello está delimitada coa isoglosa do teísmo
COMPARTE:


Oia é un concello pontevedrés situado no extremo suroccindetal da provincia, a poucos quilómetros da fronteira con Portugal, e pertencente á comarca do Baixo Miño. En termos lingüísticos, Oia encádrase dentro do bloque occidental, na microsubárea do Baixo Miño.

O membro da comisión de Toponimia e académico correspondente da Real Academia Galega, Gonzalo Navaza, explica que "visto desde a perspectiva do galego estándar, chama a atención polo seu galego distanciado do convencional. Primeiro, polo propio seseo. En segundo lugar, pola gheada, que tamén se manifesta no enxordecemento de g despois de nasal. Isto é, para dicir domingo, din dominko. Despois dun n, os g pasan a k". 

Ademais, Navaza enuncia a característica da "mobilidade dos erres, da consoante vibrante, que pode pasar dunha sílaba a outra facilmente". Para dar conta deste fenómeno, Navaza recorre á súa especialidade, a toponimia, e explica que "no concello de Oia teñen unha parroquia que se chama Pedornes que en calquera outro lugar de Galicia daría padróns, do latín padrones ou patrones". A solución normal en Galicia sería padróns ou padrós, explica o filólogo pero "iso é unha zona onde o ene quedase entre vogais, pero nunha zona onde os erres bailan resulta que lle quedou un erre antes do ene e este deixou de ser intervocálico, entón sobrevive e din padornes. Un topónimo único pola súa solución exclusiva en Galicia".

Por outra parte, Fernández Rei enumera na súa obra Dialectoloxía da Lingua Galega unha serie de características lingüísticas propias da microsubárea do Baixo Miño, "que comprende os falares dos concellos de Tomiño, Oia, O Rosal e A Guarda, delimitados coa isoglosa do teísmo":
  • Mantemento de u en formas como cuatro, guardar.
  • Pronome suxeito tu ou ti.
  • Teísmo.
  • Formas cantábamos, cantáramos, con desprazamento acentual, maioritarias; e nalgunha fala -nos en cantábanos, cantáranos.
  • Desprazamento acentual en cántemos, cóllamos, etc.
  • Verbo faer fronte a facer.
  • Verbo oír e ouvir.
  • Na segunda persoa do singular do presente de pór, ter, e vir rexístrase pós/ pos, tes e ves, con e pechado.
No tocante ao uso do galego, os datos oficiais máis recentes do Instituto Nacional de Estatística (IGE), amosan que na área de Pontevedra Sur, á que pertence Oia, tan só o 58,56% das persoas fala "en galego sempre ou máis galego que castelán. Así e todo, as cifras amosan que entre o 60-80% da poboación de Oia é falante de galego como primeira lingua, segundo un estudo de 2011 do Instituto Nacional de Estatística (IGE), o que supón unha porcentaxe maior que en concellos da contorna como O Rosal, Baiona, A Guarda ou Tomiño naquel intre.