Fala de Riós

"En diferentes zonas do concello consérvanse trazos como a gheada e algúns estudosos da dialectoloxía pensaban que este fenómeno non chegaba tan alá"
COMPARTE:


O concello de Riós, situado no sureste da provincia de Ourense e integrado na comarca de Verín, pertence, en termos lingüísticos, ao bloque Central, concretamente á chamada área dialectal Oriental de Transición. Dita división abrangue outros municipios ourensáns como Oímbra, Verín, Vilardevós e parte de Castrelo de Val. Así e todo, a lingua pode mudar, incluso, entre aldeas lindeiras. Neste senso, no propio Riós o galego presenta variacións entre as parroquias que conforman o concello.



Segundo o último informe do uso do galego do Instituto Galego de Estatística (IGE) de 2018, o 88% das persoas que viven na área Ourense Sur, na que se engloba Riós, falan en "galego sempre ou máis galego que castelán". Os datos oficiais máis recentes do IGE en termos municipais (2011), indican que entre o 80% e o 100% dos veciños do concello orriolense teñen o galego como primeira lingua

Neste senso, o responsable de Toponimia da Real Academia Galega (RAG), Vicente Feijoo, asegura que o seu municipio natal "é galegofalante" e que cando el realizou a principios de século o seu traballo de microtoponimia "todo o mundo se dirixía a el en galego". Un estudo que, como é lóxico, non só achega datos acerca da procedencia dos nomes dos lugares senón que tamén informa sobre os trazos lingüístico dos mesmos.

Léxico propio para construír o relato cotián

No eido meteorolóxico os concellos e parroquias de Galicia presenta frases feitas e léxico propios que configuran un idioma rico en variedade. No pasado, os galegos precisaron palabras para referirse a determinadas ideas, actividades ou obxectos da súa vida cotiá, o que supuxo que para unha mesma realidade os termos varianse dun lugar a outro.