Historia de Baleira

"O exército de Napoleón queimou as pallozas onde vivián os veciños baleireses e, como resposta, erguéronse en contra das tropas francesas"
COMPARTE:
Entre a mitoloxía e a historia e entre a fantasía e a realidade navega un acontecemento do pasado de Baleira: a batalla do Campo da Matanza. O director de El Progreso e veciño deste concello lucense, Alfonso Álvarez Riveiro, asegura que é "unha lenda, máis que nada, xa que non existe unha certeza histórica".

O suceso sitúase temporalmente arredor do 813 e presuntamente as tropas de Alfonso II O Casto, rei de Asturias naquel momento, enfrontáronse en A Fontaneira contra un exército musulmán nunha batalla cruenta: "Seica baixaban os regos cheos de sangue ata Esperela, unha parroquia de Baleira", apunta o xornalista. "Eu lin moito sobre isto pero non teño moita certeza sobre este acontecemento", conclúe o director do xornal lucense.

No 1809 tivo lugar en Baleira unha "guerra de guerrillas", como a describe Álvarez Riveiro. As tropas napoleónicas perseguían naquel intre ás de Sir Jonh Moore e os veciños de Baleira levantáronse en armas contras os franceses, comandados polo nobre baleirés Xosé Páramo.

"Saíronlle ao paso porque o exército de Napoleón foi queimando as pallozas, onde vivían os veciños e tiñan os seus aveños. Entón, como resposta, erguéronse en contra das tropas francesas e fóronas minando", describe Álvarez Riveiro. Así e todo, o xornalista sinala que "non é unha lenda pero, coma todo, ten un compoñente fantástico como case todo o que se conta da historia porque non sempre existe unha total precisión. Aínda así, todos os testemuños van neste sentido".


Baleira como enclave do interior: un condicionante histórico

Como indica Álvarez Riveiro, "a historia de Baleira é a historia dunha serie de concellos vencellados á montaña, isto quere dicir que é unha historia común". Ese relato con carácter uniforme está caracterizado polo emprazamento de Baleira no interior, o que supuxo que historicamente a agricultura e a gandería tivesen un gran peso económico e social na vida do lugar, aínda persistente na actualidade. Como apunta o xornalista, o territorio baleirés defínese por ser "un concello modesto e con pouca poboación".




O século XX: a caída demográfica

A época da Guerra Civil en Baleira "non foi especialmente cruenta, aínda que se coñecen casos de xente perseguida polos falanxistas e certa represión e confrontación", explica Álvarez Riveiro. Pola contra, o director de El Progreso fai referencia a episodios de "carácter sanguinario como os que houbo en Montecubeiro", unha parroquia de Castroverde (concello limítrofe con Baleira): "Non só se matou a xente senón que se humillou e torturou dun xeito moi cruel, con xente á que lle cortaban as partes íntimas e llas metían pola boca. Unha cousa terrible".

Na posguerra, Baleira experimentou un gran descenso poboacional debido á emigración transoceánica cara á América do Sur nos anos corenta e cincuenta e, posteriormente, cara á Centroeuropa nos anos setenta. Unha acentuada caída demográfica que define a actualidade do concello.