Historia de Laxe

"Dona Urraca fundou a antiga vila de Laxe e construíu a igrexa e un hospital"
COMPARTE:
Os primeiros vestixios de Laxe datan da época prehistórica, como así o exemplifican os castros de Torre de Moa, en Traba, ou o de Castrelo. Na comarca tamén se achan outros importantes restos do megalitismo como o Dolmen de Dombate e o castro A Cidade.

Durante a Idade Media, o territorio laxés estivo dominado pola Casa de Traba, unha familia nobre do Reino de Galicia con gran presenza política e económica durante os séculos XI e XII. O seu principal representante é Pedro Froilaz, conde de Traba e de Galicia e unha das figuras máis importantes da historia galega entre finais do século XI e principios do XII.

O conde de Traba educouse na casa do rei Alfonso VI e, posteriormente, foi o propio Pedro Froilaz quen criou e educou baixo a súa tutela ao futuro rei Alfonso VII, neto de Alfonso VI. O conde de Traba era un home moi rico e chegou a dominar o norte de Galicia desde Fisterra ata Ortigueira.

Continuando coa presenza real en Laxe, o rei Alfonso IX, que foi enterrado na Catedral de Santiago, tiña unha das súas residencias oficiais en territorio laxés, concretamente no Pazo de Soesto, actual parroquia do concello.

Así como trouxo beneficios, o mar trouxo desgrazas ao longo da historia de Laxe


O mar fonte de riqueza e perigo

A historia de Laxe non se pode explicar sen a súa relación co mar, fonte de riqueza en canto a aporte alimenticio e de emprego. Se ben é certo, o relato histórico da vila presenta episodios nos que o mar trouxo consigo inimigos para o lugar en forma de ataques de piratas ingleses.