Historia de A Mezquita

"Aínda que as terras veciñas sexan unha continuidade, a clara unidade xeofísica e espiritual da terra de A Gudiña e de A Mezquita semella indeclinable"
COMPARTE:
A historia de A Mezquita non pode ser analizada nin contada sen ter en conta a súa contorna. Especialmente, a A Gudiña. Así o sinalan Eligio Rivas Quinta e José Rodríguez Cruz no seu libro Terra das Frieiras onde se analiza o contexto histórico, xeográfico, cultural, social, económico e natural, entre outros, dos concellos ourensáns de A Gudiña e A Mezquita:"Aínda que as terras veciñas sexan unha continuidade, a clara unidade xeofísica e espiritual da terra de A Gudiña e de A Mezquita semella indeclinable. Non hai modo de historiar esta contorna sen termos que cortar a terra, o río; sen chegarmos ó máis próximo horizonte".

Dita integración da que falan é imprescindible para entender os acontecementos históricos do lugar, un territorio que engloban baixo o epígrafe "Terra das Frieiras". Neste senso, Rivas e Rodríguez explican que existe unha certa "confusión" á hora de delimitar xeograficamente este terreo así como a procedencia lingüística desta denominación.

En primeiro lugar, os autores opinan que baixo a denominación "Terra das Frieiras" deberíase englobar o territorio do "altiplano da Gudiña e A Mezquita, entre a Serra do Canizo e a Esculqueira" xa que pertencen ao "espazo e dominio atlántico, marcando a Segundeira o paso ó clima mediterráneo". En segundo lugar, Rivas e Rodríguez indican que, en termos lingüísticos, a nomenclatura procede da climatoloxía: "o frío, 'terras frías' ou 'frieiras'".

A Terra das Frieiras enmárcase no territorio do sueste galego

Primeiros asentamentos e achados

"Nas Frieiras aínda son numerosos os castros; máis dunha ducia en A Mezquita, coma na Gudiña", sinalan Rivas e Rodríguez. No concello mesquités destaca o castro do Monte Castelo, situado en Santigoso. Os autores apuntan que "unha boa parte dos castros das Frieiras parece que estiveron influídos pola explotación da minería, estaño e ouro. Estes castros aparecen moi romanizados. Neles asentan os conquistadores como puntos de apoio".

Ademais, existen salientables achados na contorna como o chamado "Tesouro da Urdiñeira", composto por un brazalete e unha pulseira de ouro datados na Idade de Bronce (1600-1500 antes de Cristo), así como "un dos cetros máis importantes da industria do bronce" e moldes, entre outros.

As marcas de canteiro dalgunhas paredes denotan presenza humana na Mezquita dende a Antigüidade

A Mezquita, porta de entrada

No concello de A Mezquita aséntase a máis de 1.000 metros de altitude o famoso Penedo dos Tres Reinos, que representa un punto de conexión entre os antigos reinos de León, Galicia e Portugal. Este emprazamento define á perfección o que significou A Mezquita en tempos pasados, un lugar de entrada e de paso desde Zamora (Castela e León) e o nordeste de Portugal cara Galicia.

Neste senso, Rivas e Rodríguez destacan a Verea como a vía máis importante, "que entrando polos portos do Padornelo e A Canda, cadraba co logo chamado Camiños de Castela. Xa que logo, son numerosos os camiños de norte e sur e de este e oeste que cruzan polas terras de A Mezquita.

Os autores tamén sinalan a importancia da minería na zona durante a época romana: "A parte sur é de solo estamnífero; a fraga, a pizarra, ten boa parte de alúmina. Polo norte, xa cara o río Camba e maiormente nas Borreas de Caldesiños, buscouse e sacouse ouro".


A Terra das Frieiras con presenza templaria

Rivas e Rodríguez afirman que "a historia das Frieiras na Idade Media, coma noutras partes en xeral, é moi escura". Con todo, os escritores apuntan que, a pesar da falta de documentación e a desaparición de papeis e pegadas delatoras, "a Orde do Temple está en A Mezquita deica seren en 1312 con malas artes abolidos e confiscados tódolos seus bens e casas, que pasan a ser patrimonio real".

No século anterior, comezan a prodúcese unha axitación na vida das Frieiras por mor da Guerra de Independencia. Por ese motivo, fortifícase o territorio coa Torre da Pousa que, segundo os autores do libro sobre estes dous concellos ourensáns, foi erguida polos cabaleiros do Temple.

Debido ao seu carácter fronteirizo , A Mezquita volver cobrar protagonismo nas loitas contra Portugal e no ano 1640 a vila resulta queimada polos enfrontamentos entre portugueses e españois pola independencia. Neste senso, volven a saquear A Mezquita en 1652 e, posteriormente, en 1710 chegan a ocupar unha parroquia actual do concello mesquités, Pereiro.

A igrexa de San Martiño da Mezquita é unha construción neoclásica que data do ano 1712

Durante esta época medieval a chamada Terra das Frieiras pertencía ao Conde de Monterrei, condado que marcou o rumbo dos concellos no pasado e que se estendería ata o primeiro terzo do século XIX.