Historia de Riós

"Descubriuse que o mundo castrexo podía ter un hábitat en media montaña e sen defensas"

COMPARTE:
A historiadora e traballadora do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense Ana María Veiga Romero conta que no seu concello natal, Riós, existen unha serie de achados da Idade do Bronce moi importantes para coñecer a historia da contorna. A serendipia, ese descubrimento inesperado e afortunado que tamén aconteceu nos achados de arte esquemática na Cova dos Mouros de Baleira, efectuou a súa maxia para revelar a cista da Forxa.

Na aldea orriolense de Vilariño das Touzas, un veciño do lugar chamado Secundino Vieito "ía realizar unha plantación na súa leira, levantou unha lousa e atopou un vaso", narra Veiga. O señor levou o vaso para a súa casa e xunto coa súa filla informan aos medios de comunicación. "Nese momento, estaban a facer a autovía das Rías Baixas, na zona de Verín, polo que había controis arqueolóxicos e avisaron aos profesionais que os realizaban", conta a historiadora.

Deste xeito, acometeuse unha escavación de urxencia e descubriuse que era unha cista, é dicir, un enterramento, datada na Idade do Bronce. No lugar da Forxa acháronse vestixios de tres vasos máis, un total de catro, e ao analizar os contidos dos recipientes descubríronse restos de cervexa: "A primeira cervexa coñecida de de Galicia", explica Veiga. Aproveitando este descubrimento, o restaurante Nova da cidade de Ourense elaborou unha cervexa artesanal, cuxa denominación honra o achado: Cista da Forxa.

Tamén froito da casualidade descubriuse outro xacemento no concello, concretamente o de Valdamio. Realizando obras da autovía, atopouse unha tumba da Idade do Bronce. O achado resulta algo "atípico", segundo explica a historiadora nada en Riós:  "Temos a idea do hábitat dun castro nunha certa elevación con murallas, con defensas pero cando se acometeron estas escavacións descubriuse que o mundo castrexo podía ter un hábitat en media montaña e sen defensas, non situado nun sitio sinalado da paisaxe".

No lugar atopouse un perfumeirio pero, como indica Veiga, de orixe púnica, o que indica que "existían transaccións comerciais e, polo tanto, unha actividade de importación".  A traballadora do Museo Arqueolóxico ourensán conta que este tipo de material soamente apareceu en "dúas zonas de Galicia, en Vigo e en Riós".

Outro fito importante, describe Veiga, aínda que queda fóra do concello entre Riós e A Gudiña, é o Tesouro da Urdiñeira, achado por unha pastora e que tamén é da Idade do Bronce. Está composto por dous brazaletes de ouro e un botón, que "cren que é unha condecoración".


Da riqueza arqueolóxica á riqueza medieval

O concello de Riós, como o de Vilardevós, pertenceu á xurisdición de Souto Bermudo. Estaba composto por vinte cotos e dúas freguesías. A mediados do século XIV, "a casa de Trastámara dooulle os territorios ao Conde de Monterrei e nese momento Riós pasou a depender politicamente do Condado de Monterrei, que era quen puña corrixidor e xuíces no lugar, cobraba os portádegos, os muíños e, en definitiva, tódolos impostos", relata a historiadora.

Neste senso, Riós "debeu ser unha zona bastante rica porque os impostos que se cobraban por alcabalas, uns tributos sobre transaccións comerciais, eran moi altos nese momento. Pagábansen en 1504, 70.000 marabedís e entre Verín, Oímbra, Monterrei e Laza pagaban 170.000. É dicir, naquela época debeu ser unha xurisdición na que había moita riqueza, sobre todo do gando", apunta Veiga.

A igrexa de Santa María de Riós é unha construción barroca datada do 1718

As memorias locais da presenza francesa


O 6 de marzo de 1808 tivo lugar unha famosa batalla na contorna, exactamente en A Trepa, cando as tropas napoleónicas francesas comandadas polo xeneral Jean de Dieu Soult invadiron o val de Monterrei, ao mesmo tempo que o batallón do Marqués de la Romana fuxía. Finalmente, os homes capitaneados por Soult foron capaces de colleron á retagarda española e iniciaron unha batalla que chegou ata a parroquia orriolense de A Trepa.

Ana María Veiga asegura que este acontecemento mantíñase na memoria da xente e recorda como unha tía súa "contaba unha historia, un pouco peregrina, na que se acolleu a un francés ferido e unha muller, que seica era moi guapa, íalle dar comida e café e xurdiu o amor. A muller acabou embarazada. Esta anécdota foi pasando polas xeracións familiares da historiador e Veiga tamén explica que "aquí na Chaira teño noticias de que algúns franceses quedaron feridos e quedaban nas aldeas, onde os acollían e incluso se conservaban dous apelidos de orixe francesa".

Pouco tempo despois desta batalla, a Constitución española de 1812 abolía os señoríos e creánse as administración municipais do territorio. Xa que logo, Riós pasa a ser un concello pero non será ata 1835, despois da derogación da Constitución de Cádiz por parte de Fernando VII en 1823, cando se conforme como o concello tal e como se lle coñece na actualidade.